Domingo Fontán, recoñecido no Día da Ciencia pola súa xesta científica e persoal para trazar o primeiro mapa topográfico de Galicia

Manuel Vicente, director do programa Efervesciencia da RG, premiado pola reportaxe titulada ‘Ondas gravitacionais que soan en galego’

Acto de entrega do III Premio Galicia de Xornalismo Cientifico a Manuel Vicente García, outorgado pola Real Academia das Ciencias

Representantes das institucións científicas, culturais e académicas de Galicia, xunto cunha ampla comitiva chegada desde a localidade de Portas e un grupo de escolares procedentes de Ferrol, asistiron a tarde deste luns á celebración do Día da Ciencia en Galicia, na que se homenaxeou ao matemático e humanista Domingo Fontán, coincidindo co 230 aniversario do seu nacemento

O acto central, que tivo lugar no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela, foi organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) que, en paralelo, conta coa colaboración de diversas institucións para levar a cabo actividades divulgativas no marco desta celebración.

Manuel Vicente, director do programa Efervesciencia da Radio Galega, premiado pola reportaxe titulada “Ondas gravitacionais que soan en galego”.

Durante o seu discurso, o presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, definiu a Fontán como “un magnífico exemplo de esforzo e de entrega, que soubo ver a importancia do coñecemento científico e proxectalo sobre Galicia”, referíndose á Carta Xeométrica de Galicia como un instrumento fundamental para planificar o desenvolvemento do país. Ademais, Ríos precisou que o Día da Ciencia non quere ser unha celebración do pasado, senón unha reivindicación do valor da ciencia para o futuro. Neste sentido, asegurou que “temos que entender que falta un gran impulso. Está en xogo o futuro de Galicia e o dos galegos e galegas. Por iso, desde aquí, quero facer unha chamada á colaboración dirixida ás administracións autonómica e locais, ás institucións académicas e culturais e aos medios de comunicación. Todos xuntos chegaremos máis lonxe e en menos tempo”.

O acto foi presidido polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Asistiron, entre outros, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, Vicente Pérez Muñuzuri; as vicerreitoras de Investigación e de Comunicación da Universidade de Vigo, María Belén Rubio e Mónica Valderrama; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o vicepresidente da Fundación Domingo Fontán, César Camargo; o alcalde de Portas, Víctor Estévez; o concelleiro de Educación do Concello de Santiago, Manuel Dios; e a presidenta da Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán, Concha Méndez.

LEGADO

Durante o acto proxectouse un vídeo no que se recolle a xesta científica e persoal de Domingo Fontán (Portas, 1788 – Cuntis, 1866), quen durante 17 anos percorreu cada recuncho do territorio galego para trazar a Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa de rigor científico realizado en España. O catedrático de Edafoloxía Francisco Díaz-Fierros, gran coñecedor da figura de Fontán, foi o encargado de detallar o legado do científico pontevedrés.

Díaz-Fierros destacou que a maior parte do traballo, incluíndo a compra de moitos dos instrumentos empregados e a remuneracións dos axudantes, foi feito a costa dos recursos de Fontán. Sobre a repercusión da Carta Xeométrica de Galicia unha vez rematada, subliñou que “todos os intelectuais galegos da época a coñecían e procuraron adquirila”. Ademais, explicou que mesmo antes de ser concluído, o mapa de Fontán foi considerado polos responsables da rede de estradas galegas e que a maioría dos trazados viarios da segunda mitade do XIX se basaron nel, á vez que foi a base dos diferentes proxectos de ferrocarril galegos desde o primeiro que se rematou, entre as localidades de Cornes (Santiago de Compostela) e Carril (Vilagarcía de Arousa).

PREMIO XORNALISMO

Durante o acto, fíxose entrega do Premio Galicia de Xornalismo Científico 2018, convocado en terceira edición pola RAGC coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Francisco Conde entregou o galardón, dotado con 4.000 euros, a Manuel Vicente, director do programa Efervesciencia da Radio Galega, pola reportaxe titulada “Ondas gravitacionais que soan en galego”.

O acto de hoxe complétase coas iniciativas promovidas por entidades coma o Consello da Cultura Galega; a Universidade de Santiago; a Fundación Domingo Fontán; os concellos de Santiago, Portas e Redondela; a Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán de Portas; e o Colexio Compañía de María de Ferrol, aos que o presidente da RAGC agradeceu o seu compromiso na difusión da figura de Fontán.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada