Os estaleiros Hijos de Barreras botan o ferri de Ritz-Carlton

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Vigo, nos estaleiros Hijos de Barreras, á botadura do ferri de Ritz-Carlton.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o posicionamento da industria naval galega e a competitividade e flexibilidade dos seus estaleiros na súa intervención na botadura do ferri de Ritz-Carlton, que tivo lugar en Vigo, nos estaleiros Hijos de Barreras. Segundo afirmou o conselleiro, a súa construción supuxo para Galicia un verdadeiro fito polo reto técnico e de estándares de calidade que incorporou o barco.

O titular de Economía afirmou que a construción desta embarcación civil puxo de manifesto o talento e a capacidade da industria naval galega e a súa flexibilidade á hora de saber dar resposta a todos e cada uno dos retos que se lle propón, ao tempo que indicou que esta actuación supuxo un capítulo máis dentro do bo momento que atravesa o sector na Comunidade galega.

Na actualidade, acapara case a metade da carga de traballo de toda España e de xaneiro a xuño logrou 9 contratos dos 12 que se adxudicaron a estaleiros de toda España sumando, deste xeito, 27 buques dos 64 contratados. Así, Galicia non só é a Comunidade que máis contratos ten en vigor, senón que tamén é a que máis contratos acadou no primeiro semestre deste ano.

Para seguir avanzando neste camiño, a Administración autonómica ten en marcha o primeiro plan sectorial de formación que recolle un conxunto de iniciativas e liñas de axuda, -como as Unidades formativas na empresa- que suman 13 millóns de euros para impulsar o emprego cualificado de 5000 traballadores e persoas sen emprego.

Conde, para rematar, puxo tamén en valor o traballo de Barreras sinalando que da man deste estaleiro Galicia logrou posicionarse e entrar nun dos segmentos con maior crecemento do mercado.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada