Dez novos bolseiros inician a súa actividade investigadora no Ramón Piñeiro

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recibiu os novos bolseiros que se incorporan a proxectos de investigación lingüística do Centro Ramón Pi–eiro

Dez novos bolseiros en formación inician estes días a súa actividade investigadora no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH). O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deulles hoxe a benvida, acompañado polo coordinador científico do centro, Manuel González, e polos directores dos proxectos de investigación que coordinarán o seu labor ata o ano 2020.

Os titulados universitarios especializaranse na súa formación académica, profesional e investigadora nos proxectos Dicionario galego-italiano/ italiano-galego (GALITA); Bibliografía da literatura galega; Fraseoloxía galega; Corpus de referencia do galego actual (CORGA/XIADA); Cantigas de Santa María; Prosa literaria medieval; Terminoloxía científico-técnica (TERMIGAL); Recursos para o desenvolvemento de tecnoloxías da fala; Base de datos do ALIR e Dicionarios de Literatura.

A Consellería de Cultura e Turismo reafirma deste xeito o seu compromiso coa investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua propia de Galicia co obxectivo de avanzar na súa normalización e promover o seu uso en todos os eidos profesionais e sociais.

Desde a súa creación hai 25 anos, pasaron polos 20 proxectos que ten en marcha o CRPIH 500 investigadores/as, tanto bolseiros e bolseiras galegos que se formaron participando nos seus proxectos coma outros estranxeiros de estadía durante un trimestre para desenvolver traballos de investigación propios baixo o asesoramento dos seus directores, semellantes aos dos seus centros de procedencia. Moitos destes son hoxe doutores, profesores universitarios ou docentes no ensino medio que, desde os postos actuais, continúan a ofrecer importantes contribucións ao coñecemento sobre a lingua e a literatura galegas.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada