O ciclo ‘Asaltos!’ converterá o Gaiás nun ring cultural con Sés, Ledicia Costas e Xurxo Souto entre os púxiles dialécticos

A Cidade da Cultura de Galicia converterase en novembro nun ring dialéctico a través de Asaltos!, ciclo cultural nun formato orixinal e rompedor, no que se convida a personalidades de dentro e fóra de Galicia vencelladas co ámbito da literatura, da divulgación cultural, da tradución e da música a converterse en púxiles da palabra. O obxectivo é amosarlles ás e aos asistentes a singularidade e variedade dos procesos creativos, dun xeito diferente e fresco, no que o público tamén vai ser participante activo.

Coordinado pola investigadora e regueifeira Alba María Rodríguez, o ciclo Asaltos! repartirase en catro sesións ou rings dialécticos (divulgación, tradución, oralidade e poesía) que se celebrarán os venres e sábados 9, 10, 16 e 17 de novembro con entrada de balde, previa inscrición na páxina web cidadedacultura.gal.

PÚXILES DIALÉCTICOS

O ciclo permitirá descubrirlles in situ aos asistentes outras facianas creativas de figuras da cultura como Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil; María Seisdedos, Premio Nacional de Tradución e tradutura ao galego do Ulises de Joyce e da mítica serie Shin Chan; e a cantautora galega Ses, que enche auditorios e teatros co seu repertorio ecléctico con letras combativas.

Completan este repertorio de púxiles da palabra (escrita, lida ou cantada) a prestixiosa tradutora italiana Sara Margueita Cavarero; os poetas Antón Blanco e Elías Portela, o primeiro tamén é batería de Atrás Tigre e, o segundo, foi Premio de Poesía Afundación e está considerado en Islandia un dos mellores escritores actuais na súa lingua; os críticos literarios Ramón Nicolas e Chus Nogueira; o ex membro de Os Diplomáticos de Monte Alto Xurxo Souto; e as dinamizadoras culturais da libraría Berbiriana, na Coruña; a creadora e performance Silvia Penas, de Cinta Adhesiva; e a propia Alba María Rodríguez.

RETOS CREATIVOS

Asaltos! permitirá descubrilos a todos e a todas elas dun xeito diferente, sacándoos da súa zona de confort creativa para proporlles —no respectivo ring dialéctico no que participan— retos coa palabra, a composición, a improvisación e con todo aquilo que ten que ver cos procesos creativos para así amosarlle en tempo real a audiencia como de variados, diferentes, singulares e enriquecedores poden ser.

Ademais, este formato converte o público en participante activo, que non se limitará a mero espectador ou espectadora, rachando coa distancias de emisor-receptor. De igual xeito, contarase cun amenizador musical para marcar os ritmos no cuadrilátero dialéctico-creativo, polo que a música será tamén unha púxil máis cun papel especial grazas ás intervencións sonoras do DJ Jesús Andrés Tejada.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada