Luís Seoane, 13 estampas da traizón. 80 anos da súa publicación

Luís Seoane. 13 estampas.

A Fundación Laxeiro inaugura a exposición titulada 13 estampas da traizón. 80 anos da súa publicación. Un proxecto producido pola Fundación Luís Seoane que, despois de verse na súa sé n’A Coruña, viaxa agora a Vigo onde se poderá visitar ata o 24 de febreiro.

Trece estampas da traizón. 80 anos da súa publicación é un proxecto expositivo que xira ao redor do álbum de debuxos Trece estampas de la traición de Luís Seoane co que o artista galego sinalaba aos responsables do golpe de Estado de 1936 e aos seus cómplices, e poñía de manifesto a dramática situación da poboación civil por mor do conflito e a represión posteriores. O álbum de Seoane, o primeiro realizado polo pintor, foi editado en 1937, e formou parte das diversas publicacións que integraron a campaña de propaganda no exterior levadas a cabo polo goberno da República.

A exposición, comisariada pola directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira Castro, e pola profesora da UDC María Antonia Pérez Rodríguez, parte dos trece debuxos orixinais de Luís Seoane, catorce se incluímos a portada do álbum, para realizar un retrato do momento cultural e histórico que acompañou a súa publicación, mediante un proceso de contextualización que inclúe obra plástica doutros artistas, documentación diversa e abundante bibliografía, un conxunto de pezas seleccionadas tras un labor de investigación levado a cabo a través de institucións públicas e coleccións privadas de Galicia e España.

A influencia que a obra de grandes representantes das Vangardas Históricas tiveron nesta pequena colección de debuxos realizados por un Seoane novo, que no ano 1937 tiña 27 anos de idade, é un dos aspectos nos que se centra a exposición, grazas a unha selección de volumes cedidos para a ocasión pola Real Academia Galega dos fondos pertencentes á biblioteca persoal do artista. Trátase de catálogos de exposicións e monografías de valor excepcional que amosan o interese que Seoane tiña, xa naquel entón, polas numerosas correntes artísticas que se estaban a desenvolver fóra das nosas fronteiras, e que poñen de manifesto a súa capacidade para comprender e asimilar os achados estéticos e teóricos de creadores como Otto Dix, George Grosz ou Frans Masereel, un interese que mantería ao longo de toda a súa traxectoria.

A guerra vista a través dos ollos dos artistas galegos ocupa tamén un lugar especial na mostra. Artigos, textos e obra gráfica ofrecen un retrato da postura dos creadores en Galicia fronte ao conflito e do seu apoio ao goberno lexítimo da República, nunha escolla que inclúe dous debuxos e un óleo de Manuel Colmeiro ou o cartel do Estatuto de Autonomía de Luís Seoane, entre outras obras. Tamén están presentes Castelao coa súa triloxía sobre o conflito, composta por Galicia Mártir, Milicianos e Atila en Galicia e Arturo Souto e os seus Dibujos de la guerra.

No que respecta á contextualización histórica de 13 estampas da traizón, a exposición reúne documentación diversa co obxecto de ofrecer unha panorámica o máis heteroxénea posible acerca das circunstancias que rodearon a elaboración e posterior publicación do álbum por parte de Seoane. Revistas, artigos de opinión, libros editados por ambos bandos da contenda e folletos de propaganda política, compoñen un apartado no que destacan poemarios como Aviones de Arturo Cuadrado, publicado o mesmo ano que o álbum de Seoane; A gaita a falare. Lembranzas e maldicións. Poemas de Ramón Rei Baltar, editado en 1939, entre outros. O proxecto expositivo complétase cunha peza audiovisual realizada polo artista Juan Martínez de la Colina, baseada nos debuxos orixinais de Luís Seoane, que se proxectará como parte da exposición.

O proxecto inxírese nunha liña de colaboración entre a Fundación Laxeiro e a Fundación Luís Seoane que fixo posible traer o pasado ano ao artista brasileiro Paulo Brusky e que terá a súa continuidade a finais de ano, cunha exposición na Fundación Luís Seoane, formada por debuxos de Laxeiro e Seoane do período 1930-1950.

AS COMISARIAS
Silvia Longueira Castro – Licenciada en Historia e Máster en Medios de Comunicación. É directora da Fundación Luis Seoane e comisariou e coordinou proxectos expositivos, editoriais e museísticos ao longo da súa traxectoria profesional.

María Antonia Pérez Rodríguez – Doutora e profesora titular da Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña. É documentalista e realizou diversos traballos editoriais e expositivos vinculados á figura de Luis Seoane, entre eles a súa tese doutoral, Luis Seoane a través da prensa (1929 – 1979).

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada