Antía Cal e María Xosé Queizán, Premio Otero Pedrayo

No xurado, reunido hoxe ao mediodía, participaron o secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Políticas Culturais.

O Premio Otero Pedrayo recoñece, ex aequo, o labor a prol da cultura e a galeguidade da pedagoga Antía Cal e da escritora María Xosé Queizán. No xurado, que o concedeu por unanimidade reunido hoxe ao mediodía no Pazo de Mariñán, participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.

O galardón, creado en 1977 e dotado con 16.000 euros, promóveno a Xunta de Galicia e mais as catro deputacións provinciais cos obxectivos de perpetuar a memoria de Ramón Otero Pedrayo, recoñecer o labor de contribución á cultura e aos valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

DÚAS MULERES

O xurado do Premio Ramón Otero Pedrayo, convocado na súa edición 2017 pola Deputación da Coruña, concedeulles, por unanimidade e ex aequo, o galardón a dúas mulleres de ampla contribución á cultura galega e á galeguidade.

Antía Cal (A Habana, 1923), pedagoga, fundou en 1961, canda o seu home, o oftalmólogo galeguista Antón Beiras, o Colexio Rosalía de Castro de Vigo e marcou todo un fito no movemento de renovación pedagóxica de Galicia, xa que este centro se converteu inmediatamente nun foco de irradiación progresista de novas tendencias pedagóxicas e sensibilización galeguista, desde o seu compromiso firme coa formación de xeracións de galegos e galegas.

María Xosé Queizán (Vigo, 1939), escritora, profesora e activista, iniciou nos anos 50 a ampla traxectoria vital e profesional de compromiso coa lingua e cultura propias que desenvolve ata hoxe nas múltiples vertentes da súa vida e obra: ensino, narrativa, ensaio, poesía, tradución, teatro… que fan dela unha polígrafa da cultura galega. Defensora incansable do papel social da muller e iniciadora do movemento feminista galego, reivindica un feminismo único, racionalista e defensor dos valores de liberdade e igualdade.

XURADO DO OTERO PEDRAYO 2017

O xurado estivo presidido por Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia e vicepresidido por Valentín González, presidente da Deputación da Coruña. Tomaron parte nel, como vogais, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Pilar García, deputada de Cultura da Deputación de Lugo; Manuel Doval, presidente da Comisión de Cultura da Deputación de Ourense; Xosé Leal, deputado delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra; Jesús Varela, adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, en representación da USC; Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, en representación da UVigo; Xosé Ramón Freixeiro, catedrático de Filoloxía Galega, en representación da UDC; Marilar Aleixandre, académica en representación da RAG; Pablo Otero, científico en representación do Instituto Padre Sarmiento; Alfonso Vázquez-Monxardín, secretario da Fundación Otero Pedrayo; catedrática de Filoloxía Galega na UVigo; e por Camiño Noia, Carme Fernández-Pérez, Primitivo Iglesias e Luís G. Tosar, designados, respectivamente, pola Xunta de Galicia e as deputacións da Coruña, Lugo e Ourense como autoridades científicas e literarias. Como secretaria do xurado actuou Mercedes Fernández-Abalat, xefa do servizo de Acción Social, Cultural e Deportes da Deputación da Coruña.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada