Os Premios Fest recoñecen ao Son do Camiño como festival revelación a nivel nacional tras o éxito da súa primeira edición

O evento musical patrocinado pola Xunta co obxectivo de promover o Xacobeo 2021 recibe o aval do sector, a través do xurado profesional, e do voto do público.

O festival O Son do Camiño, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, vén de ser distinguido como Festival Revelación ofrecido por SGAE na quinta edición dos Premios Fest. A aposta polo primeiro evento arredor do Xacobeo 2021 vese así recoñecida polo sector, a través dun xurado profesional, e polo voto do público, que avala a súa orixinalidade, programación, innovación e sustentabilidade, así como o o conxunto de servizos ofrecidos a 84.000 participantes nas súas tres xornadas.

O Son do Camiño, unha iniciativa da UTE formada polas empresas galegas Old Navy Port Producciones, S.L. e Esmerarte Industrias Creativas, S.L., impúxose fronte ás outras citas finalistas destes galardóns, o Bull Music Festival de Granada e Paraíso Festival de Madrid.

O festival contribuíu a promover a imaxe de Galicia no ámbito internacional a través dun dos seus principais activos turísticos e culturais, o Camiño de Santiago, en vésperas do vindeiro Ano Santo. Ademais, supuxo unha oportunidade para difundir os valores e o talento local, reforzar o tecido empresarial galego e fomentar tamén a colaboración público-privada.

Celebrado no auditorio do renovado Parque Monte do Gozo, ás portas de Santiago de Compostela, a cita tivo lugar do 28 ao 30 de xuño con recoñecidos nomes internacionais como The Killers, Lenny Kravitz, Jamiroquai, Martin Garrix, Two Door Cinema Club, Franz Ferdinand ou Mando Diao, e tivo unha importante representación de artistas galegos.

Galicia acreditou o seu potencial á hora de organizar festivais de primeiro nivel, cunha forte repercusión que e a consolida como destino referente para este tipo de público e acadando o obxectivo de promover o Xacobeo 2021 con tres anos de antelación.

O Son do Camiño enriquece así o panorama de festivais da Comunidade, que veu tamén recompensado o seu traballo noutras categorías dos Premios Fest como Mellor zona de restauración e Mellor campaña de comunicación, para o PortAmérica, e Maior achega para o Resurrection Fest.

OUTONO

A aposta musical recoñecida polos Premios Fest forma parte dunha ampla programación musical por toda a Comunidade. De feito, ao longo dos meses de outono estanse a celebrar seis concertos máis nas principais cidades galegas. Tras o debut con Rodrigo Leão a pasada fin de semana en Ourense, antonte foi a quenda de José González en Pontevedra. As próximas citas serán en Ferrol, o 3 de novembro con Miguel Poveda; en Vigo, o día 7 con Mon Laferte; na Coruña, con The Hives o 10, e en Lugo, con Pablo López, o día 17.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada