Xunta defende as propostas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal na reunión preparatoria do cumio hispano-luso

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo dalle unha aperta ao Secretario de Estado das Comunidades Portuguesas, José Luis Carneiro, na presentación da Eurocidade Moncão-Salvaterra, en mayo de 2017. ARCHIVO.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión de coordinación da Comisión luso-española de Cooperación Transfronteiriza (CLECTF), onde defendeu as propostas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal de cara ao cumio hispano-luso que terá lugar en Valladolid o próximo 21 de novembro.

A reunión preparatoria, que tivo lugar en Sevilla, foi convocada polos Ministerios de Política Territorial e Administracións Públicas e o de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación e o Goberno portugués. Participaron as catro comunidades autónomas española con fronteira con Portugal (Galicia, Castela e León, Estremadura e Andalucía), así como as rexións portuguesas do Norte, Centro, Alentexo e Algarve.

A Xunta e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N) presentaron e defenderon un documento conxunto con propostas específicas de apoio á terceira interconexión gasista entre España e Portugal, incluíndo, ademais dos tramos de conexión en Portugal, a transformación das instalacións de Gas Natural Licuado – GNL- da rexión en HUB’ s de GNL (portos nodais de subministración).

Ademais, en materia de transportes, e unha vez conseguido que a Comisión Europea recomende ao Parlamento Europeo un novo regulamento da Rede Transeuropea de Transportes (TEN- T) que amplíe o Corredor Atlántico ferroviario ata Galicia, o documento defendido polas dúas rexións establece que é da máxima importancia continuar avanzando na execución do saída sur de Vigo, o que supón a prolongación da actual liña de Alta Velocidade A Coruña-Vigo, dirección Portugal.

No eido da demografía, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal defende que se aposte pola colaboración entre administracións públicas ante este desafío cunha tripla perspectiva: dinamización demográfica, loita contra a exclusión territorial e fomento do envellecemento activo. A meta é que a dinamización demográfica e a xestión do declive poboacional que comparten estes territorios sexa un obxectivo transversal de todas as estratexias das administracións fronteirizas.

Tamén se propuxeron outras medidas sobre a unificación de normas relacionadas co uso de vehículos aéreos non tripulados (drons) no espazo aéreo transfronteirizo para a xestión de emerxencias, ou a necesidade de asinar un Convenio para a cooperación sanitaria transfronteiriza para a asistencia urxente, así como en materia de sanidade animal e vexetal, e equiparación das medidas en ambos os países, entre outras.

A negociación das propostas continuará nos vindeiros días de xeito bilateral coa Secretaría de Estado de Política Territorial.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada