Os portos de titularidade autonómica moveron 1,3 millóns de toneladas durante os tres primeiros trimestres de 2018

Os portos de titularidade autonómica moveron 1.300.000 toneladas de mercadorías ao longo dos tres primeiros trimestres de 2018. Así o comunicou esta mañá o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha rolda de prensa na sede do ente público na que fixo balance da actividade de carga e descarga de mercadorías e peixe fresco nas instalacións portuarias dependentes da Xunta.

Durán Hermida informou de que Portos de Galicia vén de realizar o balance de tráfico de mercadorías rexistrado nos 122 peiraos de titularidade autonómica entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2018. Ao longo do exercicio movéronse nos portos dependentes da Xunta de Galicia un total de 1,3 millóns de mercadorías. Esta cifra supón un incremento en termos netos de 73.000 toneladas respecto ao balance do mesmo período de 2017 e un incremento porcentual do 6%.

En canto aos movementos de mercadorías mais importantes, corresponderon respectivamente aos portos de Cariño con 460.000 toneladas; Ribadeo con 376.000 toneladas e o de Brens (Cee) con 280.000 toneladas. Durán destacou tamén o incremento porcentual dos tráficos en Cariño, onde suben un 20%, e Ribeira, que medra un 13%.

En canto ás principais mercadorías descargadas, destaca o mineral de ferro sen aglomerar no porto de Cariño, no que se moveron máis de 423.000 toneladas desta mercadoría; a pasta de madeira en Ribadeo, con 292.000 toneladas; e os coques e semicoques de hulla en Brens, con 100.000 toneladas.

No relativo á facturación, Portos de Galicia pechou o terceiro trimestre do ano económico cunha recadación de 12,5 millóns de euros. Esta cifra supón un índice de cumprimento de previsión do 75% cando se teñen cumpridas tres cuartas partes do ano e permite unha maior reversión dos investimentos na mellora dos servizos e as infraestruturas portuarias.

Ante as cifras aportadas, o presidente de Portos de Galicia mostrou a súa satisfacción dado que “os datos de movemento de tráficos son proba dunha crecente actividade económica rexistrada nos peiraos de titularidade autonómica, que teñen sido rendibilizados como motor de xeración de riqueza e emprego tanto para a carga e descarga de peixe e mercadorías como para o desenvolvemento de actividade náutico recreativa e deportiva”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada