O Arqueolóxico homenaxea ao seu mentor coa mostra ‘Marcelo Macías. 175 aniversario’

A través de preto de 120 obras de carácter diverso o visitante poderá aproximarse á vida e obra dun dos principais protagonistas do desenvolvemento da cidade durante as primeiras décadas do século XX.

Desde hoxe e até o vindeiro 20 de xaneiro, a mostra Marcelo Macías. 175 aniversario ofrece na Sala de Exposicións Afundación preto de 120 pezas de variada índole, que son testemuña da vida e obra do mentor institucional do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Unha institución cultural xestionada pola Xunta de Galicia que, con esta mostra, “pretende dar a coñecer ‒en palabras do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez‒ unha figura fundamental da cultura e a sociedade, non só ourensá, senón galega”.

Así o explicou hoxe na inauguración da exposición o titular de Cultura, quen ademais incidiu nas múltiples achegas deste “astorgano de nacemento e galego de adopción” no desenvolvemento de Ourense durante as primeiras décadas do século XX, “desde a actividade docente, intelectual e de xestión cultural e do patrimonio”. Así mesmo, Román Rodríguez lembrou que con esta mostra “non só conmemoramos o 175 aniversario do nacemento de Marcelo Macías, senón que tamén lle achegamos á sociedade ourensá o traballo do Museo Arqueolóxico como depositario e transmisor da memoria colectiva desta terra”. O conselleiro concluíu afirmando que salvagardar o patrimonio, como fixo Macías, supón manter e legar a cultura de nós.

O acto inaugural foi presidido polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e nel tomaron parte, ademais do conselleiro, a padroeira de Afundación, Mercedes Rozas; e o director do Museo Arqueolóxico de Ourense, Xulio Rodríguez. Logo das intervencións institucionais houbo unha visita guiada a cargo de Avelino Rodríguez, comisario da mostra a canda Xulio Rodríguez.

CONXUNTO EPIGRÁFICO DE SARREUS

A mostra recolle unha ampla escolma de preto de 120 obras e articúlase en diferentes campos temáticos que se corresponden coa xeografía vital de Marcelo Macías, cos diferentes eidos de estudo nos que traballou e coas numerosas homenaxes e recoñecementos que recibiu. Dentro do conxunto, cómpre destacar o conxunto epigráfico procedente de Nocela da Pena (Sarreaus), integrado por dúas lápidas honoríficas, unha dedicada ao emperador Adriano e outra Antonino Pio, xunto cunha estela bifronte.

A mostra acolle elementos de diversas índole, desde a ara de Diana, pasando por unha selección de obxectos de ourivería relixiosa e mobiliario litúrxico, até unha serie de medallas, pergameos e conmemoracións que fan referencia aos homenaxes e recoñecementos recibidos por Macías. Sen faltar, finalmente, pezas que ilustran aspectos relacionados co ocio, como a música, representada por un flagelot, instrumento que segundo recorda Otero Pedrayo aprendeu a tocar sendo novo, e que seguiría tocando en idade madura.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada