O CSIC celebra en Galicia dende mañá a ‘Semana de la Ciencia’ e o ‘Mes da Ciencia en Galego’

Fotografía facilitada por el Museo Nacional de las Ciencias de Milán de un androide con las facciones de Leonardo Da Vinci, que se mueve y pronuncia frases extraídas de los manuscritos del genio renacentista.

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) deseñou un programa para conmemorar en Galicia, en liña con outras Comunidades Autónomas, a “Semana de la Ciencia” e outro para celebrar o “Mes da Ciencia en Galego” a través de actividades na Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) e na Biblioteca Pública Juan Compañel (Vigo).

As actividades, deseñadas pola Delegación Institucional do CSIC en Galicia a través da Unidad de Cultura Científica, Misión Biológica de Galicia, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, Instituto de Investigaciones Marinas e Instituto de Investigaciones Agrobiológicas de Galicia comezan mañá, sábado 3 de novembro, e prolongaranse durante todo o mes. Terán lugar nas cidades de Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e Ourense.

UCC DO CSIC

Na Biblioteca e Arquivo de Galicia, da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela), terán lugar os sábados da primeira quincena de novembro en horario de tarde (17.00-19.00 horas) actividades divulgativas sobre algunhas das liñas de investigación que leva a cabo o CSIC en Galicia, tanto para o público xeral como escolar. Enmárcanse no “Mes da Ciencia en Galego” e están patrocinadas pola Fundación Cidade da Cultura. As prazas son limitadas e gratuítas previa reserva en http://www.cidadedacultura.gal/es/programacion-cultural.

Mañá, sábado 3 de novembro, desenvolverase o taller “Ana Mª Vieitez: Científica de conto?” impartido por Elena Corredoira Castro, do IIAG, que ten como fío condutor a traxectoria científica desta investigadora, fundadora do Grupo de Biotecnoloxía Vexetal do IIAG. Durante a actividade expoñeranse aos participantes as dificultades para conservación das sementes e para a propagación por métodos tradicionais das principais especies forestais galegas. Posteriormente, explicaranse aspectos relacionados coa biotecnoloxía forestal. Acompañarase a actividade cunha exposición de sementes e de cultivos in vitro de diferentes especies como castaños, carballos, olmos, cerdeiras…

O sábado 10 de novembro a proposta do CSIC para conmemorar na Cidade da Cultura o “Mes da Ciencia en Galego” articúlase ao redor da iniciativa “A pegada dos peixes”, que servirá para dar a coñecer ao público non especializado diferentes cuestións sobre as liñas de investigación acerca dos peixes que se desenvolven no IIM. Os participantes observarán as distintas anatomías dos peixes e empregarase unha técnica de expresión artística doutros tempos para plasmalas en papel e téxtil, chamada Gyotaku.

O venres 23 de novembro de 17.00 a 19.00 horas tamén no marco do “Mes da Ciencia en Galego” terá lugar na Biblioteca Pública Juan Compañel (Vigo) o taller “Biodiversidade ao teu alcance”, cuxo labor é dar a coñecer os ecosistemas mariños presentes nas rías galegas, trasladando á sociedade, de forma sinxela e alcanzable, os principais traballos que se realizan nun grupo de investigación (neste caso, o grupo ECOBIOMAR do IIM) e as repercusións que estes traballos poden ter na cidadanía. A entrada é gratuíta. Máis información no 886 120 447.

Parte destas actividades contan coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología-Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Actividades promovidas pola Misión Biológica de Galicia (Pontevedra)

A MBG participa na Semana da Ciencia 2018 con dúas propostas: o concurso escolar de debuxo “Conservación da natureza” e os “Itinerarios de investigación agraria”.

O concurso de debuxo enmárcase nun programa deseñado para conmemorar a IX Semana da Ciencia en Pontevedra promovido pola MBG coa colaboración de Sociedade de Ciencias de Galicia, o Liceo Casino de Pontevedra, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Deputación de Pontevedra) a través da Unidade Asociada á MBG “Sistemas Agroforestais” e ENCE-Enerxía e Celulosa. Diríxese a escolares con idades comprendidas entre os 6 e os 11 anos. Todos os debuxos mostraranse no Liceo Casino do 19 ao 23 de novembro. Adxudicarase un primeiro e un segundo premio por categoría. Ademais, outorgarase un premio especial aos concursantes dos municipios de Pontevedra, Marín e Poio por cada categoría. Os premios consisten en bonos trocables por material de debuxo ou librería.

Como outras actividades da IX Semana da Ciencia, o 22 de novembro ás 19.00 horas no Liceo Casino terá lugar a conferencia “O feitizo xenético dos Austrias”, a cargo de Gonzalo Álvarez Xurado, catedrático de Xenética da Universidade de Santiago de Compostela, e a continuación haberá un taller sobre “Conservación da Natureza e Agricultura”, con demostracións, exhibicións e degustacións. O 23 de novembro ás 19.00 horas, tamén no Liceo Casino, impartirase unha charla didáctica sobre “Conservación da Natureza”, a cargo de Pablo Caballero Javierre, xefe de Servizo de Conservación da Natureza. A continuación, farase público o fallo do xurado e entregaranse os galardóns.

Os itinerarios terán lugar os días 26, 28 e 29 de novembro en horario de mañá nas instalacións da MBG. Diríxense ao alumnado de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos. Participan o IES de Ponte Caldelas e os colexios San José de Cluny-Vigo e A Asunción-Sarria. Consisten en talleres prácticos sobre as liñas de investigación do centro. Así, o alumnado dividirase en grupos para realizar catro experimentos sobre as liñas de investigación da MBG, centro da área de Ciencias Agrarias do CSIC cuxa a súa liña principal de investigación é a mellora xenética vexetal.

PADRE SARMIENTO

O IEGPS participa na Semana da Ciencia coa conferencia “Xudeus na Idade Media galega: o caso de Ourense”, a cargo de Mª Gloria de Antonio Rubio, do IEGPS, quen ofrecerá unha visión panorámica sobre a comunidade xudía de Ourense. Terá lugar o 28 de novembro ás 20.00 horas no Ateneo de Ourense. A entrada é libre ata completar aforo.Esta iniciativa enmárcase, á súa vez, en “Charlas de Ciencias Humanas”, liña de actuación promovida desde a UCC do CSIC en Galicia para dar visibilidade aos traballos de investigación que levan a cabo no IEGPS.

INVESTIGACIONES MARINAS

O IIM únese á conmemoración en Galicia da “Semana de la Ciencia” con “Saber do mar”, proposta que se desenvolverá os días 16, 17, 23 e 24 de novembro e que se articula ao redor de catro xornadas de gravación en diferentes puntos da cidade de Vigo (barrios de Bouzas, Teis, o Calvario e rúa Príncipe) de preguntas sobre as ciencias mariñas ao público xeral e unha xornada de gravación no IIM (Vigo) coas respostas das devanditas cuestións por parte do persoal científico do IIM. Iso dará lugar a unha serie de pezas audiovisuais que estarán dispoñibles na páxina web do IIM.

INVESTIGACIONES AGROBIOLÓGICAS

O IIAG participa na Semana da Ciencia con “ Biodiversión18”, iniciativa que vai camiño da súa décima edición e que terá lugar no citado centro de investigación (Santiago de Compostela) os días 21, 23 e 26 de novembro en horario de mañá e que se dirixe ao alumnado de 6º de primaria. Participan os CEIP Monte dos Postes e A Milagrosa. Financia a FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Articúlase ao redor de distintos talleres prácticos sobre as liñas de investigación do centro. Ao longo de cinco horas, o alumnado vai pasando por cinco diferentes talleres: “Extracción de ADN dunha froita”, “Plantas cargadas de metais”, “Cambio climático”, “Cultivo in vitro de especies leñosas” e “ Germinación e elongación radicular”. Ademais, celébrase o VIII Concurso de debuxos e o VII Concurso de relatos “Biodiversión” para que o alumnado mostre con imaxinación a súa visión sobre os talleres ou sobre o mundo da ciencia e os científicos en xeral. Ambos os concursos teñen tres premios, consistentes en material científico didáctico.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada