Un traballo no que participou a Evega recibe un premio no Congreso Nacional da Sociedade Española de Fitopatoloxía

Xunto co Instituto de Ciencias de la Vid y del Vino (ICVV) da Rioxa e o Instituto Agroforestal Mediterráneo de la Universitat Politècnica de Valencia, acadaron o galardón ao mellor traballo científico presentado en formato póster

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que depende da Consellería do Medio Rural, participou xunto co Instituto de Ciencias de la Vid y del Vino (ICVV) da Rioxa e o Instituto Agroforestal Mediterráneo de la Universitat Politècnica de Valencia nun traballo de investigación que foi premiado o pasado mes en Toledo durante o Congreso Nacional da Sociedade Española de Fitopatoloxía. En concreto, recibiron o galardón ao mellor traballo científico presentado en formato póster.

Neste estudo investigáronse os cambios na dinámica das comunidades fúnxicas no solo, a rizosfera e a raíz en cinco viñedos novos da Rioxa, ademais de poñer a punto un protocolo innovador de cuantificación absoluta de fungos asociados ao pé negro da vide.

Os resultados deste análise axudan a mellorar o coñecemento sobre a dinámica de poboacións fúnxicas do solo á raíz e a capacidade da planta de seleccionar a microbiota da rizosfera. Tamén se determinou que os patóxenos asociados ao pé negro da vide poden colonizar a raíz sen causar síntomas da enfermidade, o cal abre novas liñas de investigación sobre o carácter endofítico destes fungos na vide.

ESTACIÓN

A Evega é un centro de investigación da Xunta de Galicia, situado no concello de Leiro (Ourense), que foi inaugurado no ano 1985, asumindo como misión esencial impulsar o desenvolvemento tecnolóxico do sector vitivinícola galego a través da investigación aplicada, asesoramento a viticultores e embotelladores e a realización de actividades formativas a todos os niveis. Ten como obxectivo optimizar a produción vinícola a través da investigación e da experimentación.

A estación, que está dividida en tres departamentos, conta cunhas instalacións punteiras dotadas de 3 laboratorios de análise, unha adega experimental con capacidade para 20.000 l, un invernadoiro climatizado, unha nave para a destilación de augardente e unha parcela experimental anexa de 4 hectáreas. Nos seus laboratorios ademais de analizarse os viños producidos nas diferentes denominacións de orixe, investíganse os parámetros analíticos e biolóxicos que poden aportar elementos diferenciadores aos mesmos, como os compoñentes aromáticos ou os parámetros de cor.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada