Sportur, deporte como motivación turística en Galicia

O director xerente de Expourense, Alejandro Rubín (izq) ; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez: o vicepresidente da Deputación e presidente do INORDE, Rosendo Fernández; o concelleiro de Turismo de Ourense, Jorge Pumar; a directora de Sportur, Emma González e o concelleiro de Deportes de Ourense e xefe de servizo de deportes da Xunta, Mario Guede.

Posicionar a Galicia como destino para o turismo deportivo e activo. Este é un dos obxectivos da segunda edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo que se celebrará en Expourense os días 15, 16 e 17 de novembro e que tamén servirá para visibilizar o traballo realizado durante todo o ano por parte das federacións e clubes deportivos da comunidade.

A celebración desta segunda edición servirá de quecemento para a XLII Carreira Popular de San Martiño cuxos corredores recollerán os seus dorsais no recinto feiral nos días previos a esta proba deportiva que xa superou os 11.000 inscritos.

Os datos de Sportur Galicia 2018 foron presentados esta mañá en Expourense nun acto no que participaron a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez: a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o vicepresidente da Deputación e presidente do INORDE, Rosendo Fernández; o concelleiro de Turismo de Ourense, Jorge Pumar; o conclleiro de Deportes de Ourense e xefe de servizo de deportes da Xunta, Mario Guede, o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, e a directora de Sportur, Emma González. Sportur Galicia naceu en 2017 con vocación de continuidade e co obxectivo tamén de converterse en cita internacional en próximas edicións, xa que combina o binomio deporte + turismo e contribuirá á desestacionalización do turismo achegando visitantes de proximidade a través do deporte.

Esta cita quere situarse ademais como o foro do turismo activo do Noroeste Peninsular debido a que conta coa participación activa de Asturias e do Norte de Portugal. Esta segunda edición convoca a 120 expositores, e a 7 países representados, entre os que destacan as federacións e clubes deportivos de Galicia e destinos de turismo activo e vencellados coa natureza que comparten espazo con empresas especializadas na organización integral de actividades deportivas ou venda directa, entre outros. Entre os expositores procedentes de Portugal destaca a presenza dos parceiros de Turismo Porto e Norte que animou ás cámaras municipais a presentarse como destino activo de proximidade. Dentro desta rexión tamén haberá outros destinos que participan de xeito independente como Ponte de Lima, Montalegre, Melgaço ou Vila Real, entre outras.

Trátase dun evento destinado a todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades, ademais das familias) para que poidan coñecer os servizos, produtos e opcións vencelladas co turismo activo e o deporte que ofrecen os expositores. Tamén se converterá nun bo escaparate para as federacións deportivas de toda a comunidade, xa que dos 125 expositores participantes, 30 son clubes e asociacións de distintos deportes que aproveitarán a súa presenza en Sportur para promocionarse organizando distintas exhibicións, adestramentos, campionatos e clases abertas para os visitantes.

Sportur Galicia está organizado por Expourense coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte e da Axencia de Turismo de Galicia. Nesta edición súmanse tamén a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Ourense a través do Consello Municipal de Deportes e de Turismo. Esta cita celebrarase xoves, venres e sábado, o que facilitará ademais a presenza de escolares que serán convocados a través do programa XOGADE promovido pola Xunta de Galicia.

ACCIÓNS PROFESIONAIS

Sportur Galicia reforza nesta segunda edición a súa compoñente profesional para posicionase tamén como centro de negocios a través de acción como o 2º Workshop de Turismo Activo de Galicia no que participarán 10 maioristas de viaxes especializados en este sector que contarán cun completo programa que os llevará a manter reunións B2B cos representantes de destinos de turismo activo presentes no salón, así como a participar nas presentacións de destino que realicen os expositores. Tamén teñen programadas visitas turísticas fóra do recinto feiral. Estes maioristas proceden de varias comunidades de España e tamén destaca a presenza dunha empresa finlandesa que cubre o mercado do turismo activo nos países nórdicos e bálticos.

Dentro das accións dirixidas a profesionais do sector inclúese tamén a segunda edición do Seminario sobre Deporte y Turismo Activo de Galicia no que participarán 16 expertos que abordarán temas como a comercialización do produto “turismo activo”, a presentación da marca “Galicia Activa” ou os patróns de gasto turístico no deporte. Tamén se promoverá a organización de eventos deportivos respectuosos co Medio Ambiente, explicarase cómo prepararse para unha competición deportiva dende os pés ou os beneficios da Marcha Nórdica.

Este seminario inclúe ademais a presentación de casos de éxito de probas deportivas como a Pantic Classic ou a Gran Fondo de Ézaro de Dumbría, entre outras. Tamén se contará coa presenza de grandes deportistas como a gañadora da medalla de ouro en Hockey herba en Barcelona 92, Maribel Martínez de Murguía, que participará en Sportur da man do Clube de Hockey Albor. Outros grandes deportistas contarán as súas experiencias en grandes probas como Carlos Sá (de Montalegre, Portugal) que foi campión de Ultra Trail Portugal en 2013 e récord mundial en ascenso e descenso ó Aconcagua, ou o asturiano Jorge Núñez, primeiro barranquista do mundo en descender individualmente o Trou de Fer, de Isla Reunión, en África.

PROGRAMA

Sportur Galicia 2018 volverá ser un evento único que conxugue turismo e deporte con educación e coa adopción de hábitos saudables que poidan mellorar a nosa calidade de vida. A finalidade é ofrecer novas opcións aos que xa practican deporte e animar aos demais a que tamén o fagan. Para conseguir isto, o salón conta cun completo programa que supera o cento de actividades.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
11