O laboratorio de anatomía patolóxica trasládase o Hopital Naval de Ferrol con máis superficie e novo equipamento

 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, visitou esta mañá o novo laboratorio de Anatomía Patolóxica que se activaba o pasado mes, no segundo andar do Bloque B do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Este Laboratorio de Anatomía Patolóxica estaba ata o de agora no andar 1 do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo, fronte á entrada principal de Urxencias, e pasa ó seu emprazamento definitivo no Hospital Naval, mellorando considerablemente en metros cadrados, seguridade e equipamento. Esta actuación enmarcábase na Fase 0 do Plan Director, e libéranse así espazos para poder desenvolver as seguintes fases do Plan.

Un dos grandes beneficios desta intervención totalmente nova é que se pasa dunha superficie de traballo de 250 metros cadrados a 850 metros cadrados útiles; e melloran considerablemente as condicións de traballo dos e das profesionais. Esta obra supuxo un investimento de 1.088.499 euros; e implicou dividir a área de actuación en dúas zonas, dous corredores lonxitudinais de comunicación; por unha banda, unha área administrativa que aloxa os despachos e a sala de persoal, e por outra onde se establecen os laboratorios compartimentados por zonas de traballo, cunha distribución máis racional das áreas. Ademais, conta tamén cun bloque central para zona de persoal e almacéns, onde se aglutinan tódolos almacéns dispoñibles, cun almacén específico de mostras; e un sistema de almacenamento con caixóns de control materiais, denominado sistema Kanban.

SEGURIDADE E EQUIPAMENTO

Unha cuestión clave é o significativo incremento da seguridade, xa que as mostras se manexan en mellores condicións seguindo os estándares establecidos De xeito paralelo, íllanse os espazos de traballo e se inclúen sistemas de presión negativa e dobre porta. Por outra banda, as instalacións de ar, luz, calefacción, e auga son totalmente novas cun sistema lumínico de aforro enerxético. Outra das grandes achegas é que aumenta o equipamento, tanto por renovación do antigo, como por incorporación de novo, como é dúas novas mesas de tallado, outra nova estación de bloques de parafina; outro tinguidor e montador; e un procesador de tecidos que pode facer o traballo en tempos máis curtos. Renóvase igualmente a maior parte da microscopía. Produciuse un investimento só en equipamento de 425.050 euros. Entre as vantaxes operativas figura un cambio nas dinámicas e técnicas de traballo como que se realizará a técnica de punción e aspiración no mesmo laboratorio, sen ter que se desprazar ós profesionais ós servizos correspondentes.

O laboratorio de Anatomía Patolóxica -que dirixe o especialista en Anatomía Patolóxica, Juan Carlos Álvarez Fernández- é un servizo central a disposición de toda a área, tanto do Complexo Hospitalario Universitario como dos centros de saúde. Traballan nel un total de 21 profesionais entre Facultativos, Técnicos de Anatomía Patolóxica, Auxiliares administrativos e Celadores. Ocúpase do estudo de biopsias e citoloxías, e de tódalas pezas cirúrxicas que se extirpan. Na área ferrolá, realízanse unhas 22.000 mostras de biopsias e unhas 17.000 citoloxías ó ano.

A DOMICILIO

Por outra banda, o conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuiña aproveitou para saudar ós novos profesionais de Hospitalización a Domicilio, que teñen a súa sede no andar 1 do Hospital Naval do Complexo. A atención sanitaria ó paciente crónico na área incrementouse ampliando os recursos dos distintos dispositivos de atención e, consecuentemente, o horario da asistencia e a cobertura xeográfica. Así a Hospitalización a Domicilio (HADO) aumentou cun facultativo e tres enfermeiras; e ampliouse o horario do Hospital de Día Médico. A Hospitalización a Domicilio -dispositivo pertencente á sección de Crónicos do Servizo de Medicina Interna- contaba ata o de agora cun médico e dúas enfermeiras, e, este mes pasado, incorporábase un médico máis e tres enfermeiras.

Con estas sete persoas, dous facultativos e cinco profesionais de Enfermaría, amplíase a cobertura da enfermaría no domicilio, de luns a domingo, en horario tanto de mañá e tarde, que antes só era de mañá; e amplíase tamén o horario do facultativo, de luns a venres, ata as 17:00 horas. De xeito progresivo, vaise ir aumentando o horario médico de tarde ata acadar a cobertura completa do mesmo.

A área xeográfica de HADO tamén será maior, e incorpórase a poboación urbana dos concellos de Ares, Mugardos, Pontedeume e Cabanas que se suman á de Ferrol, e ás zonas urbanas de Narón, Neda, e Fene. De xeito paralelo, o horario do Hospital de Día Médico do Naval prolóngase tamén ata as 17 horas, de luns a venres. Todo isto permitirá ampliar a dispoñibilidade horaria para tratamentos programados, e aumentar a capacidade de asistencia a pacientes crónicos ou paliativos nesta franxa horaria.

A Unidade de Hospitalización a Domicilio realizou un total de 3.226 consultas entre facultativo e Enfermería, no pasado ano 2017, unha media de 270 consultas ó mes. Aténdense anualmente ó redor de 200 pacientes de xeito personalizado no seu domicilio (o pasado ano 2017 eran un total de 193).

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
11