Galicia defende a eliminación dos totais admisibles de captura nas especies pesqueiras accesorias como as de augas profundas

A conselleira do Mar asistiu en Madrid ao Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe en Madrid a eliminación dos totais admisibles de capturas (TAC) naquelas especies pesqueiras sen risco de conservación e de escasa relevancia de captura, como as especies de augas profundas. Para estas poboacións de peixes, explicou Rosa Quintana, “non hai actividade dirixida, xa que adoitan ser especies accesorias da actividade pesqueira”.

Esta é unha das medidas que propón Galicia co obxectivo de flexibilizar a prohibición dos descartes de capturas que establece a Unión Europea e foi posta de relevo hoxe pola titular de Mar no marco do Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios. Nesta xuntanza abordouse a proposta de regulamento do Consello da UE que fixa para 2019 e 2020 as posibilidades de pesca para determinadas poboacións de peixes de augas profundas.

Nese documento, a Unión Europea propón a fixación de TAC para os próximos dous anos en cinco especies de peixes, que son os tiburóns de fondo, o sable negro, os alfonsinos, o granadero de rocha e o ollomol. Neste sentido, Galicia argumenta que o volume de desembarques destas especies é de escasa entidade, xa que no caso de Galicia supoñen arredor do 1,5% da pesca desembarcada de xeito xeral polas frotas que pescan estas especies en augas do Cantábrico Noroeste e do Gran Sol.

No caso de non poder eliminar o establecemento de TAC nestas especies, Galicia propón a súa flexibilización naqueles casos nos que falten datos biolóxicos suficientes para realizar un ditame sobre as posibilidades de pesca, de maneira que isto non implique o establecemento dun TAC precautorio. En relación a este aspecto, a conselleira sinalou que as consecuencias da falta de datos non deben ser soportadas pola frota. Non obstante, sinalou que, en liñas xerais, “desde Galicia entendemos que a proposta da Comisión se axusta bastante ás recomendacións científicas”.

Tendo en conta este condicionante da falta de datos e o de escaseza de capturas destas especies, Galicia defende que a determinación de posibilidades de pesca de poboacións de peixes de augas profundas se integre na negociación común de TAC para o Atlántico, que se debate no Consello de Ministros de Pesca da UE do mes de decembro. Ademais, a comunidade autónoma galega propón que nos casos de redución de TAC “a variabilidade non oscile máis alá do 15% para dar estabilidade ás empresas armadoras no desenvolvemento da súa actividade”, engadiu a conselleira.

Con estas propostas de Galicia, aclarou Rosa Quintana, buscamos evitar que estas especies de augas profundas sexan consideradas especies de estrangulamento; é dicir, aquelas das que os barcos non teñen cota ou a cota é escasa, pero que se encontran entre as súas capturas xunto coas da especie principal á que se dedican as embarcacións. Isto significa que, se computan as capturas da especie de estrangulamento que un barco extrae de xeito accesorio, daríase o caso de que o buque teña que abortar a posibilidade de pesca ao esgotar a cota da especie accesoria aínda que dispoña de cota da especie principal.

O obxectivo deste Consello Consultivo é fixar o posicionamento de España en relación a esta proposta de regulamento que se debaterá no vindeiro Consello de Ministros de Pesca da UE, que se celebrará en Bruxelas o 19 de novembro e ao que Galicia acudirá como representante das comunidades autónomas españolas en materia de pesca. Un consello de ministros que é clave de cara a defender os intereses pesqueiros da frota española e, da galega en particular, fronte a obriga de desembarque de capturas.

Outro dos temas tratados no Consello Consultivo foi a execución do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Neste sentido, púxose sobre a mesa a dificultade de execución deste fondo motivada por un fallo estrutural no seu deseño que afecta a todos os países, o que exime, defendeu a titular de Mar aos xestores, é dicir, aos Estados membro e ás comunidades autónomas. Neste caso Galicia defende unha flexibilización do fondo para poder executalo con maior facilidade.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada