A Xunta enxalza o papel de Cáritas como parte da rede solidaria e de benestar contra a exclusión e a pobreza en Galicia

Os alumnos seleccionados iniciaron a súa formación coa aprendizaxe de costuras básicas, así como o control doS tempos
e mantenimento das máquinas. ARQUIVO.

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, puxo en valor hoxe a importante tarefa que realiza Cáritas en favor das persoas e familias que máis o precisan, o que segundo destacou contribúe a tecer xunto con outras entidades sociais unha sólida rede de benestar e apoio en toda Galicia. Fíxoo na conmemoración do 25 aniversario do centro de formación Violetas, durante a que coñeceu experiencias reais de inserción laboral de alumnado que participou en diferentes accións para a mellora da empregabilidade.

Nesta liña, o director xeral agradeceu o traballo solidario e de loita contra a exclusión e a pobreza que desenvolve Cáritas, ao tempo que garantiu a continuidade do apoio da Xunta. De feito, o Goberno galego achegará máis de 60.000 euros entre este ano e o 2020 ao centro Violetas. Esta contía destinarase ao financiamento de diferentes accións formativas de inclusión socio-laboral, a cursos de preparación de competencias clave e a sesións de alfabetización dixital.

Así mesmo, Arturo Parrado manifestou que a Xunta traballa polos máis desfavorecidos, principalmente desde dous eixes. O primeiro, mediante o apoio ás entidades que como Cáritas desenvolven a súa actividade a pé de campo, ao carón das persoas en risco de exclusión. O segundo, a través dunha maior colaboración e coordinación co resto de administracións e co movemento asociativo co obxectivo de que as políticas sociais sexan verdadeiramente eficaces e cheguen aos fogares máis dependentes.

Por último, o director xeral destacou o fondo compromiso social do Executivo autonómico, que se plasma no incremento nun 3% do orzamento destinado a área de Inclusión para o ano 2019, ata chegar aos 119 millóns de euros. Esta cifra representa un 70% máis do que a Xunta destinaba á loita contra as desigualdades hai nove anos.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada