A madeira achega valor engadido á industria forestal, permitindo diferenciar ás empresas comprometidas co medio ambiente

Os puntais de madeira son de piñeiro. ARCHIVO.

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, salientou hoxe na inauguración dun curso sobre marketing e vendas para a comercialización de produtos forestais sostibles, organizado pola Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal (PEFC), que a certificación da madeira achega valor engadido á industria forestal, permitindo diferenciar ás empresas comprometidas co medio ambiente.

O director de Xera, que destacou a importancia de certificar a madeira para poder competir a nivel global, tendo en conta que as grandes cadeas tanto do moble como do sector contract esixen madeira certificada, sinalou que a promoción da certificación forestal é un dos obxectivos de Xera. Esta, apuntou, é un requisito básico da xestión sustentable dos montes, xa que garante que os produtos madeirables que se obteñen da súa xestión se someten a boas prácticas.

Por iso, Lema Piñeiro apostou por destacar estes valores na imaxe corporativa das empresas do sector, sinalando que valores como reciclable, sustentable ou ecolóxico deben de marcar a diferencia fronte a produtos alternativos que non contan con estas características.

No ano 2017, en Galicia había 230.000 hectáreas certificadas, 27.000 xestores certificados e máis de 400 certificados de cadea de custodia. O director de Xera avogou por poñer en valor a certificación na imaxe corporativa, de xeito que permita diferenciar ás empresas comprometidas co medio ambiente e facilite a súa identificación por parte do cliente.

O curso que hoxe se celebra está impulsado pola Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal (PEFC) co impulso da Xunta, no marco da Estratexia de formación da industria forestal de Galicia, elaborada coa participación das principais asociacións representativas deste ámbito, e que permitirá impulsar a especialización de máis de 5000 profesionais cunha oferta formativa á medida. Búscase dar resposta ás necesidades das empresas e facilitar a adaptación dos traballadores á incorporación da última tecnoloxía.

Dentro desta Estratexia, véñense de resolver as axudas para o desenvolvemento de 24 actividades formativas e 23 de divulgación, con axudas por máis de 180.000 euros e das que se benefician sete entidades e agrupacións, entre os que se atopa a Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal (PEFC). Ademais, Xera incorporará dous simuladores portátiles de procesadora e autocargador forestal para a formación dos profesionais do sector forestal de Galicia

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada