Gonzalo Hermo recibiu hoxe o XVI Premio de Poesía Afundación por A vida salvaxe

Gonzalo Hermo recibe el premio de manos del conselleiro de Cultura, Román Rodríguez y del presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet.

Gonzalo Hermo recibiu esta tarde de mans do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, o XVI Premio de Poesía Afundación que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia e co patrocinio da Xunta de Galicia. O acto de entrega celebrouse hoxe xoves 22 de novembro ás 19.30 horas na Sede Afundación de Santiago de Compostela, e contou tamén coa presenza de Luís González Tosar, presidente do Centro Pen Galicia e presidente do xurado e Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado. O galardoado ofreceu así mesmo un recital poético acompañado dunha videocreación de Xes Chapela.

O xurado, composto nesta edición por Luís González Tosar, Alba Cid, Estíbaliz Espinosa (gañadora da anterior edición), Xosé Ramón Pena e Xabier Castro Martínez, escolleu A vida salvaxe de entre 31 obras presentadas por «ofrecer desde a sobriedade e a contención —en palabras do xurado— un regreso á natureza que incorpora o autobiográfico e o metapoético. Esta obra entronca con poéticas abertas na creación contemporánea tanto na súa procura do salvaxe como no recurso dun misticismo estético».

O PREMIADO

Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) é licenciado en Filoloxía Galega e doutor en Lingüística pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente vive en Cataluña, onde é profesor asociado da Universitat Autònoma de Barcelona e imparte o curso anual de poesía da Escola de Lletres de Tarragona. Publicou dous libros de poesía: Crac (Barbantesa, 2011) e Celebración (Apiario, 2014), traducido ao catalán (Godall, 2016) e ao castelán (La Bella Varsovia, 2017). Recibiu os premios Xuventude Crea da Xunta de Galicia en 2010, o Premio da Crítica Galega en 2015 e o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova «Miguel Hernández» en 2015. Exerceu puntualmente a crítica literaria para diferentes medios e a tradución de poesía galega contemporánea. É membro fundador da editora-libraría-espazo de creación Chan da Pólvora, con sede en Santiago de Compostela.

O PREMIO

O galardón comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela , Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña ou Estíbaliz Espinosa, gañadora da anterior convocatoria.

O certame conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do premio e contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro PEN de Galicia, tras catorce anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galega, continúan traballando por un xénero indispensable que serve de cimento para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada