Antonio Troncoso, autor de ‘Amagos’: “Son fillo dunha sociedade, como é a ponteareá, moi culta e que tivo unha gran sensibilidade artística”

Non é frecuente que un xurista  e militar -Coronel auditor do Corpo Xurídico Militar e ex Fiscal do Tribunal Supremo-, historiador e ensaísta escriba un poemario. Pero este é o caso de Antonio Troncoso de Castro que acaba de publicar ‘Amagos (interioridades)’ en Nea, Novas do Eixo Atlántico, 69 páxinas. O autor di que a publicación foi por unha cuestión de “morriña”. Troncoso vive en Madrid aínda que frecuenta moitísimo Galicia. En  Pazo Barreiro, en Vilar de Crecente, Pontevedra, ten a súa casa. El di divertido: “Eu digo sempre que durmo en Madrid e vivo en Galicia”.

Arroupado polo director da coral de Ponteareas co seu director á cabeza, Ángel Viro, e os seus membros e o presidente do Centro Artístico Sportivo, Pedro Alfaro, y de Celia Castro Ojea que expuxo a súa opinión sobre o poemario, recitando algúns poemas, Antonio Troncoso falou do seu único libro de poesía.

Troncoso sinala a súa obra coma un poemario “intimista, pero, á vez, espiritual-relixioso”. Comenza, efectivamente, co poema Presenza e segue co dedicado á patroa de Ponteareas, a Virxe dos Remedios. Son ambos poemas de carácter relixioso que amosan que o autor “cre na transcendencia”. E a continuación no libro seguen unhas panxoliñas… Todo, como explica Antonio Troncoso, desde un punto de vista “optimista”. Na introducción do poemario, o autor, de 85 anos, di que “son anacos de vida dun vello, que, canso do camiño, abre o corazón á xente, ós amigos”.  Por iso, declara a Grupo ES. : “Os demais poemas son expresión do sentimento lírico do que é a vellez, as frustracións e a alegría da vida que un cristián debe saber soportar”

O libro zumega o amor pola súa terra, en especial, a vila de Ponteareas. “Son fillo dunha sociedade –di a Grupo Es.- como é a ponteareá, moi culta e que, ao longo da historia, tivo unha gran sensibilidade artística en todas as súas facetas e que se manifesta na arte musical, na literatura, no xornalismo, no ensaio, entre outras”.

Como resaltou Celia Castro Ojea, presentadora do seu libro e parente de Troncoso, “o seu amor a Galicia é auténtico. Nada de pandeireta”.

O músico e escritor Vicente Araguas é o seu prologuista. Destaca de Troncoso que á súa idade é “un home activo” que “segue bulindo na súa poesía e que ela é tamén bulideira”.  “Son os poemas (…) dunha lonxitude breve, case mínima, mais a desenguedellar un pensamento longo”.

O seu afán poético xa vén de atrás. Antonio Troncoso ten escrito xa “un número serio de libros” sobre temas xurídicos, militares, históricos, sociolóxicos…”Parecíame interesante dar renda solta a este afán meu [á poesía] que xa tiña hai moitos anos”.

A ponteareá Celia Castro Ojea, prima de Antonio, lémbrase da nenez de ambos e emprega as palabras mesmas de Antonio no libro para definilo: “buscabullas”. E engade: “Encantábanlle as representacións teatrais”. Celia “admira profundamente” a Antonio. “Eu sei da fondura do seu pensamento e da súa sensibilidade”.

Preguntada sobre a publicación escrita en galego, Celia Castro responde que “o máis fondo que temos no cerne é o idioma que nos configura  e que nos fai ser como somos. A chamada da terra agroma no idioma. A lingua é o que máis di de nós”. Por iso non se sorprende do galego de Troncoso porque “só un sabe o que ten no interior do corazón”.

A Celia gústalle con preferencia o poema Ponteareas e outro máis breve, como a maioría, ‘Camiño longo da vida’

Era un camiño longo

de soidades cheo.

Longo do meu camiñar,

Curto de agarimosos tempos.

E explica esta mestra de infantil en Culleredo como quere subliñar que a vida é un longo camiño no que as etapas agradables son moi curtas.

No horizonte de Antonio Troncoso hai outro proxecto editorial. Trátase de escribir un libro sobre a historia do Baixo Miño. “Sobre a importancia que tivo un acontecemento en España que foi chave no devir da nosa historia e que non se subliñou debidamente”.  Xa ten preparado o material e vai basearse nun ensaio que escribiu hai anos sobre a sublevación no Baixo Miño fronte a Napoleón e que, di, “foi decisiva na evolución da Guerra da Independencia”.  Esperámolo!

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
82