A Xunta destina preto de 18 millóns de euros a axudas a bateeiros, confrarías de pescadores e acuicultores que promovan unha actividade sustentable

Puerto de Vigo. ARCHIVO. 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 2019 de axudas para melloras no eido da acuicultura que fomenten unha actividade sustentable. En concreto son tres liñas de axudas que teñen como obxecto apoiar os investimentos produtivos, o incremento da eficiencia enerxética e o fomento do uso de fontes de enerxía renovables, así como os servizos de asesoramento técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico neste ámbito e a elas a Xunta destina preto de 18 millóns de euros.

A estas achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), poderán acollerse os bateeiros, as confrarías de pescadores e os acuicultores que promovan unha actividade sustentable. A primeira das liñas conta con 16,5 millóns de euros e destínase aos investimentos produtivos. A través dela a Consellería do Mar poderá subvencionar, entre outros aspectos, actuacións para diversificar a produción e para modernizar as instalacións neste sector, incluíndo a adquisición de equipos. Tamén poderá subvencionar investimentos na mellora da calidade do produto ou para incrementar o seu valor.

A segunda liña de subvencións é a destinada ao incremento da eficiencia enerxética e ao uso de fontes enerxías renovables e conta con máis de 1,2 millóns de euros. A terceira e última é para a obtención de servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico e teñen como obxectivo mellorar o rendemento global e a competitividade das explotacións acuícolas e promover o respecto medioambiental. A esta última liña destínanse 95.000 euros.

As achegas destinadas a investimentos produtivos e á eficiencia enerxética están dirixidas a todas as pequenas, medianas e grandes empresas mentres que das de asesoramento poderán beneficiarse microempresas e pemes. Estas liñas de axudas permitirán subvencionar ata o 50% das inversións que realicen as pemes ou microempresas –con menos de 250 empregados e cun volume de negocio anual igual ou inferior a 50 millóns de euros- e ata o 30% dos investimentos que realicen as compañías de maior tamaño.

Os bateeiros, confrarías e xestores de empresas de acuicultura interesados en cursar as solicitudes poderán consultar os requisitos e a documentación necesaria na orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá, polo que o último día do prazo é o 3 de xaneiro.

A solicitude realizarase preferiblemente de xeito electrónico a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

As persoas físicas tamén poderán presentar as solicitudes en papel nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos ou no resto de lugares indicados na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada