Unha decena de monumentos do Camiño Francés ilumínanse de azul para celebrar os seus 25 anos como Patrimonio Mundial

Inclúense nesta iniciativa a igrexa de Santa María a Real do Cebreiro, San Salvador de Sarria, San Nicolás de Portomarín, San Pedro de Melide, a Capela de Ánimas e a igrexa de San Bieito de Santiago de Compostela, a Catedral e as Torres Hejduk.

A Consellería de Cultura e Turismo comeza hoxe os actos conmemorativos polo 25 aniversario da inclusión do Camiño Francés na lista indicativa do Patrimonio Mundial da Unesco. A celebración incluirá diversos eventos e iniciativas non só en Santiago de Compostela, meta da peregrinación, senón ao longo do Camiño de Santiago. Así, desde este mércores e ata o próximo día 11, preto dunha decena de monumentos da Ruta Xacobea iluminaranse para sumarse a esta efeméride.

Todos eles variarán a súa habitual instalación lumínica e vestiranse coas cores características do Camiño de Santiago. Cada noite ao longo de seis xornadas, iluminaranse en tons azuis e proxectarase sobre eles a popular frecha amarela, o símbolo que guía aos peregrinos nos distintos itinerarios e que resultou clave na recuperación contemporánea deste fenómeno.

Esta acción especial terá lugar en varios dos monumentos máis emblemáticos do Camiño Francés, en diferentes concellos, dando un carácter global á conmemoración. En concreto, poderá verse na igrexa de San María a Real do Cebreiro, na de San Salvador de Sarria, en San Nicolás de Portomarín e en San Pedro de Melide. Ademais, na capital compostelá, iluminarase a capela de Ánimas, a igrexa de San Bieito do Campo, a torre da Berenguela da Catedral, na súa fachada da praza de Praterías, e as Torres Hejduk da Cidade da Cultura.

Galegos e peregrinos poderán así ser partícipes dun aniversario que marcou un antes e un despois para o Camiño de Santiago, ata a súa dimensión e recoñecemento actual, como un dos itinerarios de peregrinación máis universais que contribuíu decisivamente á protección e conservación do seu patrimonio e ao desenvolvemento socioeconómico da Comunidade.

O alcance da súa declaración como Patrimonio Mundial ampliouse en 2015, cando tamén foron recoñecidos os Camiños do Norte, que en Galicia contan con dúas variantes, a costeira e a interior, incluíndo na protección varios dos seus monumentos máis sobranceiros.

MÁIS DE 325.000 PEREGRINOS

O Camiño Francés segue a ser a ruta máis percorrida. Dos máis de 325.000 peregrinos que recibiron a súa Compostela este ano, preto do 57%, é dicir, máis de 185.000, elixiron o Camiño Francés. A maior parte deles, o 53%, eran estranxeiros procedentes de países como Italia, Estados Unidos, Alemaña, Francia, Irlanda, Corea, Reino Unido, Australia e Brasil.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada