Máis de 700 proxectos están en marcha no rural grazas ás axudas por valor de 40 millóns do plan Leader

En total, en todo o período 2014-2020, a medida Leader dispón de 84 millóns de euros que destinará a subvencións para toda clase de iniciativas dinamizadoras

O director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, reunido cos representantes da Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR). Na sede da Asociación Mariñas-Betanzos, antiga Cámara Agraria.

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural, Miguel Pérez Dubois, mantivo hoxe un encontro de traballo co presidente da asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, José Santiso Miramontes, para valorar o estado de execución do programa Leader 2014-2020. Así, Pérez Dubois indicou que xa hai 700 proxectos en marcha en toda a comunidade grazas a esta medida e con axudas superiores aos 40 millóns de euros.

Precisamente son os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural os que se encargan de distribuír o orzamento e decidir aquelas iniciativas que son de interese para o seu territorio. Séguese así unha filosofía de abaixo cara arriba coa que son os axentes locais (veciños, empresas e todo tipo de entidades) os que priorizan os proxectos en función das necesidades da comarca. En total, o programa xestionará entre 2014-2020 84 millóns de euros en subvencións.

Durante a reunión, ambas partes destacaron os bos datos de execución do Leader e que, en palabras do director, “reflicten a boa aceptación que está a ter no medio rural esta medida”. Pérez Dubois sinalou que o Leader é un “auténtico canalizador” do desenvolvemento do rural en Galicia xa que, debido á súa transversalidade, inclúe tanto proxectos produtivos, como empresas do sector servizos, comercio e turismo, así como iniciativas enfocadas a mellorar as condicións de vida dos veciños do rural e cun carácter social.

Neste sentido, cómpre lembrar que está aberto ata o 31 de maio a orde de axudas 2019/2020 do plan Leader, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Para esta convocatoria o orzamento é superior aos 16,5 millóns de euros en dúas anualidades (6,6 millóns para 2019 e 9,9 para 2020) e está cofinanciado nun 75% polo Feader, nun 2,5% pola Administración xeral do Estado e nun 22,5 % pola Xunta.

Ademais, en breve resolveranse tamén as novas axudas postas en marcha este ano dirixidas á cooperación interterritorial dos Grupos de Desenvolvemento Rural e que están dotadas con 400.000 euros. Estas achegas teñen por obxectivo que os distintos GDR colaboren entre si con proxectos que traspasan o seu ámbito territorial e incluso con asociacións do resto de España, da Unión Europea ou de terceiros países, que teñan intereses comúns nun determinado ámbito, sempre relacionado co desenvolvemento local e con vistas a favorecer a aprendizaxe mutua e buscar solucións comúns a problemas concretos.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada