A execución do Plan de xestión de residuos industriais de Galicia mobilizará un investimento de preto de 800.000 euros en 2019

Cintas transportadoras en planta de reciclaje.

A Xunta daralle este ano un novo pulo ao Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2016-2022 (PRIGA) ao mobilizar un investimento de preto de 800.000 euros para a execución de diversas actuacións e medidas incluídas no documento co obxectivo de optimizar a xestión deste tipo de residuos.

Así, con cargo á partida orzamentaria disposta pola Consellería de Medio Ambiente, o investimento destinado a poñer en práctica e desenvolver o PRIGA en 2018 terá continuidade no presente exercicio cos obxectivos principais de favorecer a divulgación da prevención na xeración de residuos, a difusión activa a todos os axentes do sector, e o establecemento de canles efectivas de comunicación entre a administración e os principais sectores implicados.

Os oito bloques de actuación do plan nos que se centraron os esforzos o ano pasado tiveron por obxecto os seguintes eixes, que en 2019 seguirán a guiar as actuacións da consellería:

• O fomento da prevención no sector industrial, en xeral.
• Actuacións de información e sensibilización en materia de residuos sanitarios.
• Actuacións de apoio ás entidades locais para a prevención e xestión de residuos da construción e demolición (RCD).
• Actuacións dirixidas aos produtores e xestores de residuos da construción (RCD).
• Actuacións para o fomento do reciclaxe de buques e embarcacións ao final da súa vida útil.
• Actuacións para a mellora da xestión de aceites usados.
• Actuacións para a mellora da xestión, da rastrexabilidade e da información dos residuos de pilas e acumuladores.
• Actuacións de formación-información destinada aos produtores e xestores de Residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE).

Ao remate do exercicio 2018 o custo das actuacións postas en práctica en desenvolvemento de cada un destes bloques ascendeu a 491.585,26 euros, un labor ao que se lle dará continuidade este ano coa execución de novos traballos por un importe de 796.912,98 euros.

PRIGA

En decembro do ano 2016 foi publicado o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2016-2022 (PRIGA), a folla de ruta a seguir nesta materia na comunidade autónoma. Fronte aos denominados residuos domésticos, aqueles que se xeran nos fogares como consecuencia de actividades propias dos fogares e aos que lles resulta de aplicación o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG), os industriais son aqueles resultantes dos procesos de fabricación, transformación, utilización, consumo, limpeza ou mantemento xerados pola propia actividade industrial.

A elaboración do devandito plan ten por finalidade efectuar unha análise actualizada da situación nesta materia no ámbito territorial da comunidade que permita determinar as medidas máis axeitadas para facilitar a reciclaxe, a valorización e a eliminación dos residuos, establecendo obxectivos de prevención, preparación para a súa reutilización e eliminación, así como a estimación da súa contribución á consecución dos obxectivos establecidos polo marco normativo aplicable.

RUTA E DIAGNOSE

Neste contexto, o PRIGA 2016-2022 constitúe a folla de ruta na xestión dos residuos industriais en Galicia para os próximos sete anos e, a partir dunha previa e completa diagnose do panorama existente, permite concretar os conceptos, principios e estratexias de cara a mellorar e acadar unha correcta xestión deste tipo de residuos a medio prazo, tomando en conta as achegas realizadas polos propios sectores involucrados.

En particular, a raíz dos datos avaliados e dos principais fluxos de residuos, o PRIGA proporciona información en relación coa xeración e xestión para os seguintes grupos de refugallos: residuos de construción e demolición, aceites usados, residuos sanitarios, pneumáticos ao final da súa vida útil, vehículos fóra de uso, policlorobifenilos e policloroterfenilos, pilas e acumuladores, residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, lodos, restos agrarios, residuos metálicos, residuos da transformación de recursos mineiros, buques e embarcacións ao final da súa vida e residuos industriais sen lexislación específica.

Cada un destes grupos ou fluxos de residuos conta cun programa específico no documento aprobado a finais de 2016 que detalla as medidas e actuacións concretas para a consecución dos obxectivos propostos, así como a asignación dun orzamento destinado a financiar o desenvolvemento de accións que melloren as porcentaxes de reciclaxe dos diferentes residuos e promovan a cultura de economía circular dentro do seu ámbito.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada