O programa ‘Iacobus’ chegará este ano a 159 beneficiarios na Eurorrexión

Centro Tecnolóxico de
Automoción de Galicia (CTAG).

O programa Iacobus, de mobilidade académica na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, chegará este ano a un total de 159 beneficiarios: 79 docentes, 22 persoal de administración e servizos, 53 investigadores doutorais e post-doutorais e 5 técnicos de I+D+i e xestores de innovación.

Das 159 candidaturas seleccionadas, 58 proceden do norte de Portugal e 101 de Galicia. En concreto, seleccionáronse 23 proxectos da Universidade da Coruña; 33 da Universidade de Santiago de Compostela; 41 da Universidade de Vigo; e un do Energylab, un do CETMAR, e outro do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).

En Portugal, aprobáronse 12 proxectos da Universidade de Porto; 11 da Universidade do Minho; 7 da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; 3 da Universidade Católica; 14 do Instituto Politécnico (IP) do Porto; 6 do IP de Viana do Castelo; 2 do IP de Bragança; dous do IP do Cávado e do Ave; e un do Instituto de Soldadura e Qualidade (ISQ).

As áreas de traballo dos beneficiarios son moi variadas, destacando especialmente as ciencias da saúde, humanidades, enxeñarías, ciencias económicas e empresariais, ciencias sociais, tecnoloxías da información e comunicación, ciencias ambientais, recursos naturais e o dereito.

O período de intercambio vai do 1 de febreiro ao 30 de xuño.

Trátase da sexta convocatoria do Iacobus, que leva varias edicións acadando importantes éxitos no mundo universitario. Este ano ampliouse incorporando aos Centros Tecnolóxicos da Eurorrexión. O obxectivo é fomentar a cooperación e promover o desenvolvemento conxunto de proxectos de investigación e innovación que participan no programa. O financiamento para este ano ascende a 185.000 euros, cofinanciados polo programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

Iacobus papers

Outra novidade deste ano é a convocatoria da primeira edición do programa Iacobus Papers, ao abeiro do que se aprobaron 34 publicacións. O obxectivo desta iniciativa é fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e divulgación científica a través de axudas económicas para a publicación de artigos científicos e de investigación en revistas de prestixio.

Cómpre destacar que algunhas das publicacións de artigos científicos e de investigación aprobadas resultaron do traballo desenvolvido polos autores en edicións anteriores da parte de estadías do Iacobus.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada