Medio Ambiente investirá preto de 6 millóns de euros en diversas liñas de actuacións para mellorar a xestión dos residuos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visita as instalacións dunha entidade comercial, para coñecer as medidas desta entidade para evitar o desperdicio alimentario, a reciclaxe de residuos e a diminución das emisións de CO2.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda daralle un pulo importante á optimización do tratamento e xestión dos residuos en Galicia ao mobilizar este ano preto de 6 millóns de euros a financiar un paquete de medidas e liñas de axudas nese eido.

Así o explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao supermercado Carrefour de Santiago para coñecer as actuacións que está a levar a cabo esta empresa en materia de valorización de residuos, redución do desperdicio alimentario ou eficiencia enerxética.

As distintas accións previstas pola Xunta en 2019 para optimizar a xestión dos residuos irán dirixidas a entidades locais pero tamén a empresas, e se enmarcan dentro do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2022 (PXRUG), un documento que establece as bases para mellorar nesta materia co obxectivo de acadar un novo escenario máis sostible, facendo fincapé na prevención e na valorización dos residuos domésticos.

Concretamente, Vázquez Mejuto avanzou algunhas das actuacións máis novidosas nas que traballa xa o seu departamento. Así, referiuse á posta en marcha dunha rede galega para a reparación e reutilización de aparellos estragados e en desuso, aberta á participación tanto a establecementos municipais, comerciais ou entidades de carácter social que queiran traballar de forma coordinada conformando á vez espazos de debate, comunicación e intercambio de experiencias neste eido.

Outras das liñas de actuación previstas co fin de mellorar a xestión dos residuos en 2019 será a redución do desperdicio alimentario en toda a cadea, desde a fase de produción ata a de venda ao consumidor; ou a minoración dos plásticos dun só uso, co fin de limitar o seu impacto medioambiental e incrementar a prevención da xeración de residuos. Así mesmo, a conselleira tamén se referiu ao fomento da recollida selectiva dos chamados biorresiduos entre grandes produtores -desde supermercados e grandes superficies comerciais ata hostaleiros- para o que a Xunta propón identificar aos establecementos máis comprometidos cun “distintivo de responsabilidade social e de calidade ambiental”.

Estas medidas para as que a Consellería de Medio Ambiente mobilizará preto de 6 millóns de euros teñen en común a busca da loita contra o cambio climático. Un obxectivo no que a conselleira tamén subliñou o importante papel que están chamadas a asumir as empresas, cuxa contribución considerou “imprescindible e necesaria” para mellorar a actual xestión dos residuos e reducir as emisións á atmósfera. Por iso, animounas a seguir amosando “un compromiso activo” en eidos tan importantes como a conciencia ambiental, o emprendemento e a xeración de emprego e riqueza, tres instrumentos imprescindibles para afrontar o cambio climático.

Compromiso coa implantación da Axenda 2030

A mellora da xestión dos residuos domésticos non é o único reto ao que se enfrontan administracións, empresas e sociedade en xeral co fin de acadar un desenvolvemento máis sostible. Así, Ángeles Vázquez explicou que para canalizar as políticas e as iniciativas necesarias para ir nesta dirección, a Xunta vén de activar a Comisión Interdepartamental para o seguimento da chamada Axenda 2030, a folla de ruta aprobada pola ONU no ano 2015 co obxectivo de dar os pasos necesarios para acadar un mundo máis xusto e sostible.

Dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) nos que se concreta esa axenda, a conselleira incidiu naqueles que, na súa opinión, están máis ligados á actividade empresarial e aos que pode contribuír de forma activa, como son a produción e o consumo responsables; a enerxía accesible e non contaminante; o traballo digno e o crecemento económico; ou a acción polo clima.

“Debemos traballar todos xuntos da man”, engadiu a titular de Medio Ambiente, que salientou o “compromiso co medio ambiente” que integran xa nestes momentos moitas empresas en Galicia na súa filosofía e nas propias estruturas de traballo, aplicándoo tanto aos produtos que comercializan, ás súas instalacións, ao transporte ou á xestión dos seus propios recursos.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada