O Concello de Salvaterra acondicionou máis de 50 quilómetros de 6 sendeiros á beira dos 5 ríos do municipio

O tramo Salvaterra–Tui (río Caselas) será inaugurado o 9 de febreiro con saída do Parque da Canuda ás 9.30 horas

Mapa dos sendeiros do municipio de Salvaterra de Miño.

Coa inauguración do sendeiro municipal do río Tea que vai desde o parque da Canuda ata o río Caselas, en Tui, o sábado 9 con saída do Parque da Canuda ás 9.30 horas, serán máis de 50 quilómetros de rutas, de accesibilidade a pé ou en bicicleta en 6 sendeiros á beira dos cinco ríos que percorren o municipio, os que acondicionou o Concello de Salvaterra. A inauguración vai consistir nunha camiñada polo sendeiro municipal da Canuda a Caldelas de Tui na que está previsto que participe o deportista internacional salvaterrense do motor Cándido Carrera, xunto con todos os veciños que queiran inscribirse. 

O concello acaba de publicar un folleto cos cinco sendeiros, no que se especifican as súas características, e cada sendeiro leva un código QR para localizalo.

No sendeiro municipal do río Miño estímase un tempo de percorrido de 2 horas e 45 minutos para eses 11,2 quilómetros, con desniveis de 50 metros. Cunha dificultade media-baixa, a pé ou en bicicleta, pasa polos ríos Miño, Tea, Illa de Fillaboa e río Caselas, e polas parroquias de Salvaterra, Arantei e Porto. Os sendeiristas poderán desfrutar de contidos ambientais, etnográficos e paisaxísticos. É transitable durante todo o ano.

O sendeiro do río Caselas  vai desde Novelle (Anatei) ata Os Penedos (Salceda de Caselas), e ten unha lonxitude dun quilómetro (pode facerse en 30 minutos) e vai á beira do río Caselas pola parroquia de Arantei. Proporciona contidos ambientais, etnográficos e paisaxísticos.

O sendeiro do río Uma transita a parroquia de Lira ao longo de 2 quilómetros (40 minutos). É accesible a pé ou en bicicleta e o seu percorrido é lineal.  Tamén achega contidos ambientais, etnográficos e paisaxísticos.

O sendeiro máis longo é de percorrido circular por Salvaterra de Miño cunha distancia de entre 17 e 24 quilómetros, segundo a opción elixida, con desniveis de 180 metros e leva entre 3,45 e 6,25 horas. A pé ou en bicicleta, de dificultade media, pasa polos ríos Miño e Mendo, polo  Alto do Castro, San Xoán e polo río Tea, transitando as parroquias salvaterrenses de Oleiros, Fiolledo, Corzáns, Pesqueiras, Soutolobre e Lourido.

O sendeiro do río Mendo ten 7,6 quilómetros de lonxitude e pódese realizar en 2 horas e 45 minutos. Con desniveis de 60 metros e de percorrido lineal está cualificado de dificultade media-baixa. Pódese transitar todo o ano e pasa polos ríos Miño, Mendo e o regato Fontán, correspondentes ás parroquias de Oleiros, Fiolledo, Corzáns, Leirado e Soutolobre. Os sendeiristas poden desfrutar de contidos ambientais, etnográficos e paisaxísticos.

Finalmente a sexta ruta é o sendeiro municipal do Tea que vai desde o parque da Canuda ata Fornelos. Cunha distancia de 8,5 quilómetros e cun tempo estimado na súa realización de 3 horas e 15 minutos, esta ruta é lineal e ten desniveis de 40 metros. A pé ou en bicicleta, está clasificada de dificultade media-baixa. O seu trazado vai polos ríos Miño, Mendo e Tea atravesando as parroquias de Salvaterra, Pesqueiras, Lourido e Fornelos. Durante todo o ano, pódese desfrutar dos seus contidos ambientais, etnográficos e paisaxísticos.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
11