A agricultura ecolóxica medra en Galicia e factura xa 80 millóns de euros anuais

Galicia está representada neste certame con 13 empresas do sector amparadas polo Craega.

A agricultura ecolóxica en Galicia mantén a tendencia positiva e, a falta de pechar definitivamente o balance anual de 2018, os datos provisionais indican que a facturación chegou a superar os 80 millóns de euros. Este incremento é posible grazas a que aumenta tanto a superficie certificada nun 15% como o número de operadores nun 13%.

Estes datos foron facilitados na feira de ecoloxía máis importante a nivel internacional, Biofach, en Núremberg, pola delegación trasladada dende a nosa comunidade para apoiar ás empresas galegas que se promocionan nela. Esta delegación está presidida polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e nela participa tamén o secretario do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica en Galicia (Craega), Javier García.

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural acompaña ás 13 empresas galegas que participan no certame que son: Conservas del Noroeste (Connorsa), conservas Orbe, frutos El Nogal, Jamones González, Galletas Daveiga, Mieles Anta, Pazo de Lusío, Orballo Innovaciones Forestales, Porto-Muíños, Producto de Aldea, Green Mixology, The Bio Factory (A Factoría Ecolóxica SL) e Coracai. Todas elas compartirán durante catro días un posto duns 120 metros cadrados divididos en dúas illas diferenciadas, nas que farán promoción dos produtos agroalimentarios ecolóxicos galegos. Ademais, o director da Agacal manterá un encontro con todos os produtores fóra do horario da feira de cara a coñecer as súas impresións e necesidades.

O custo desta actuación que organiza o Craega ascende a uns 55.000 euros, para os que conta con 36.000 euros de axuda da Consellería do Medio Rural, a través da orde de promoción que cada ano convoca para os produtores amparados baixo un réxime de calidade. Ademais, o Igape apoia as empresas participantes con axudas para a estancia e o traslado, a través do Galicia Exporta, programa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de reforzar na actual convocatoria cunha dotación de 8 millóns de euros.

A feira Biofach é unha cita imprescindible no mundo da alimentación ecolóxica e todo o que ten que ver coa sustentabilidade en xeral, pois o encontro está considerado como un dos importantes a nivel internacional na materia. Recibe máis de 50.000 visitantes en cada edición e conta cuns 3.000 expositores de 129 países, entre os que estarán os produtores galegos. Precisamente a presenza neste tipo de feiras é crucial porque permite non só acadar novos clientes, senón tamén coñecer as preferencias dos consumidores para poder desenvolver os produtos que demanda o mercado.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada