Dezaoito asociacións da área territorial de Vigo benefícianse das achegas da Vicepresidencia con máis de 216.000 euros

A primeira tenente de alcalde de Salvaterra, Marta Valcárcel, con delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, a directora xeral da Xunta e o presidente de Comunidade de Augas da parroquia salvaterrense de Lira nunha visita para concretar o investimento de 17.000 euros.

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse este luns ata o municipio pontevedrés de Soutomaior onde visitou á Comunidade de usuarios de auga das Barreiras e Cernadas, que este ano resultou adxudicataria da orde de axudas para obras e equipamentos que outorga a Vicepresidencia. Así, recibirá unha achega de 11.500 euros para a impermeabilización da cuberta do depósito e para a reparación das arquetas da rede de subministración.

O representante autonómico, quen acudiu acompañado polo alcalde desta localidade, Agustín Reguera, aproveitou a visita para anunciar que a Xunta de Galicia vén de resolver esta mesma semana as axudas do Plan Específico de acción comunitaria destinadas a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia; comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais.

Achegas, que no caso concreto da área territorial de Vigo deixarán algo máis de 216.000 euros, dos que se beneficiarán un total de dezaoito asociacións dos concellos de Salceda (4), Gondomar, Soutomaior, Redondela, Vigo, Mos (2), O Porriño (4), Moaña (2), Cangas e Salvaterra.

O delegado recordou que as axudas concédense para a realización de investimentos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da titularidade das entidades solicitantes, camiños veciñais e traídas de auga veciñais coa finalidade de mellorar a prestación dos servizos de interese veciñal. Segundo recordou, a achega económica que se concede pode acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos.

Cómpre destacar que esta orde, para facilitar a execución das obras subvencionadas a estas entidades, prevé a realización de pagamentos anticipados do 100% da contía da subvención concedida.

Neste senso, López-Chaves salientou que con estas axudas a Vicepresidencia da Xunta “contribúe a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza, xa que todas estas organizacións traballan moi apegadas á cidadanía e ás súas demandas”.

Esta liña de subvención iniciouse no ano 2016, e a día de hoxe está plenamente consolidada nos orzamentos anuais da Dirección Xeral de Administración Local. Nos exercicios 2016, 2017 e 2018, ao abeiro desta orde de subvencións outorgáronse no conxunto de Galicia 626 axudas, e a cantidade total destinada a este fin foi de 6.400.000 euros.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada