As actividades do centenario da Xeración Nós incluirán unha exposición e un congreso internacional sobre a cultura galega

O conselleiro de Cultura e Turismo presidiu este encontro no que participaron representantes das principais administracións e entidades culturais de Galicia.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, xunto ó presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe a xuntanza plenaria que está a coordinar os actos para conmemorar o centenario da Xeración Nós, en 2020, e na que tamén participaron representantes de diversas administracións e entidades culturais de Galicia.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu este encontro de traballo ao que asistiron tamén por parte da Xunta o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e que serviu para avanzar na planificación do programa de actividades para conmemorar esta efeméride.

Nesta liña, co obxectivo de impulsar a difusión social da conmemoración do centenario, está previsto organizar unha gran e ampla exposición sobre a Xeración Nós que se inaugurará, no ano 2020, na Cidade da Cultura. Esta mostra terá ademais unha itinerancia completa en Ourense. Outra das actividades que se celebrarán co gallo desta efeméride será un congreso internacional sobre a cultura galega. Unha cita que a Xunta propón que se celebre en Ourense e que servirá para actualizar o legado da Xeración Nós e reflexionar sobre os principais retos e desafíos que terá que afrontar a cultura galega nos próximos anos.

ACORDO PLENARIO

O Parlamento de Galicia aprobou en novembro de 2017 instar a Xunta de Galicia a desenvolver un proceso de coordinación e de impulso das celebracións deste centenario que permita a implicación de distintas administracións públicas, institucións e entidades socioculturais.

Tras este acordo, constituíse o grupo de traballo para coordinar estas actividades iniciando así a planificación para conmemorar que se cumpre un século da fundación da revista Nós. Boletín mensual da cultura galega. Nesta liña, impulsarase unha programación diversa para homenaxear ao grupo de intelectuais galeguistas –Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Francisca Herrera Garrido e Florentino López Cuevillas, entre outros– que contribuíron co seu labor, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galegas.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada