A Xunta abre o prazo de solicitude de Emprega Xuventude para apoiar a contratación e a formación dos menores de 30 anos

Teenagers Young Team Together Cheerful Concept

O prazo para presentar as solicitudes para optar ás axudas do programa Emprega Xuventude xa está aberto. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria desta iniciativa á que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 2 millóns de euros para impulsar a formación e incentivar con 3000 euros os contratos dun ano de duración, que acadarán o dobre (6000€) no caso de contratos indefinidos.

O programa inclúe, por unha banda, un bono formación ás persoas sen emprego para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial incentivándose con 2000 euros a cualificación dos traballadores que son contratados de xeito inicial por 12 meses para que reciban unha formación mínima de 50 horas. Se o contrato é indefinido, o bono increméntase ata os 4000 euros e a formación mínima terá que acadar as 70 horas.

Por outra parte, ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa. As contías varían segundo o programa aínda que aumentarán nun 25% se a empresa conta con máis de 50 traballadores e cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70% e noutro 25% no caso de que a actividade pertenza a un sector estratéxico. Os apoios tamén aumentarán nun 25% para outros colectivos con máis dificultades para atopar un traballo como son, por exemplo, os emigrantes retornados e se o centro de traballo está emprazado no rural.

Estímase un número de beneficiarios de 330 menores de 30 anos. As solicitudes en todos os programas resolveranse seguindo a orde de presentación, é dicir, será por concorrencia non competitiva.

Emprega Xuventude forma parte do programa Galicia Emprega, co que a Xunta apoia a formación e a contratación de mulleres, mozos e mozas, persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión e parados de longa duración. Do que se trata é de impulsar o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego. Nas catro liñas de axudas -Emprega Muller, Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión Social, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude- fináncianse os contratos asociados sempre á posibilidade de mellorar a formación.

Xunto a Emprega Xuventude tamén está aberto o prazo de solicitude de Emprega Parados de Longa Duración (2M€), que conta con axudas para a contratación de 12 meses, que suman como mínimo 5000 euros, incrementándose ata os 10.000 euros si se trata dun contrato indefinido. O obxectivo é contratar a 250 persoas. Nas próximas semanas convocaranse tamén os programas Emprega Muller e Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión Social.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada