Preto do 96% de todas as zonas de baño do censo oficial de Galicia obtivo unha clasificación sanitaria excelente ou boa durante a tempada 2018

A totalidade de illas que conforman o Parque Nacional –Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada— terán un límite de acceso tanto na tempada alta como na baixa.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade publicou recentemente o informe final sobre o Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño 2018. En Galicia, as zonas de baño con clasificación excelente ou boa supoñen o 95,9% de todas as zonas de baño que forman parte do censo.

Así, dos 507 puntos de mostraxe das zonas de baño incluídas no censo oficial, o 84,4% obtivo unha clasificación sanitaria excelente. Trátase da mellor clasificación dende 2011, cando se situou no 70,7%, e que é o ano no que se comezou a empregar o sistema de cálculo da clasificación sanitaria actual adaptado á normativa europea. Durante 2018, o 11,4 % das zonas de baño obtiveron unha clasificación boa e o 2,6 % unha clasificación suficiente. Nesta tempada só oito zonas obtiveron unha clasificación sanitaria insuficiente. Este dato indica que para a tempada 2019 só no 1,6% dos puntos de mostraxe analizados se deberá prohibir o baño ou recomendar non facelo, fronte ao 2,4% da tempada anterior.

En xeral, obsérvase unha tendencia á mellora na calidade das augas de baño tempada a tempada ao aumentar a porcentaxe de praias con clasificación sanitaria excelente e diminuír aquelas con clasificación sanitaria insuficiente.

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, executa o Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño. Cada tempada, elabórase un censo oficial de zonas de baño. No censo da tempada 2018 figuran un total de 489 zonas de baño con 507 puntos de mostraxe que se atopan en 115 concellos. En total, recibíronse 5.408 mostras de auga.

Esta vixilancia é importante porque o uso recreativo das augas de baño pode ter perigos e riscos para a saúde dos usuarios. A contaminación bacteriana pode provocar gastroenterite ou enfermidades respiratorias nas persoas que se bañen en augas contaminadas. Aínda que estas enfermidades raramente son graves, o número de persoas expostas pode ser elevado debido á importante tradición que existe en Galicia no uso das augas de baño.
A vixilancia sanitaria realizouse no 100% dos puntos de mostraxe censados e realizáronse o 100% dos controis programados. Todos os episodios de contaminación foron comunicados aos concellos implicados.

Galicia é a comunidade autónoma española con maior número de puntos de mostraxe censado, cun 23% do total de España, seguida de Andalucía e Cataluña. As praias galegas representan o 2,3% das zonas de baño da Unión Europea.

PROGRAMA

A tempada de baño establécese, con carácter xeral, desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro de cada ano. A vixilancia sanitaria das zonas de baño establécese mediante a mostraxe periódica da auga das zonas de baño incluídas no censo. Recóllense en total 10 mostras de cada zona de baño, unha antes do inicio da tempada e as nove restantes ao longo desta cunha periodicidade aproximadamente quincenal.

Nas mostras de auga analízanse os parámetros microbiolóxicos enterococos intestinais e Escherichia coli. Ao final da tempada, cos resultados obtidos calculouse a clasificación sanitaria de cada zona de baño mediante o sistema descrito na Directiva 2006/7/CE. Tamén se leva a cabo, en coordinación coas administracións competentes, a xestión do risco para a saúde derivado da exposición ás cianobacterias e ás súas toxinas nos encoros con zonas de baño.

Desde o inicio da tempada, informouse da clasificación sanitaria das augas de baño e dos resultados microbiolóxicos obtidos nas mostraxes na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública e no mapa de zonas de baño de Galicia. Ao final da tempada, os resultados microbiolóxicos foron introducidos no Sistema de Información Nacional de Augas de Baño (Náyade), que pode consultar toda a poboación a través do acceso ao cidadán. Unha vez calculada a clasificación sanitaria final de cada zona de baño, publícase tamén na páxina web da dirección xeral. Deste xeito, facilítase que todos os usuarios e usuarias das zonas de baño teñan información suficiente e facilmente dispoñible sobre a calidade das augas de baño.

No caso de augas con clasificación sanitaria insuficiente, a autoridade competente velará para que se adopten medidas que incluirán a prohibición do baño ou a recomendación de absterse deste para evitar a exposición dos bañistas á contaminación. Tamén deberían determinarse as causas e motivos polos que non se acada clasificación suficiente e adoptar as actuacións axeitadas para previr, reducir ou eliminar as causas de contaminación, ademais da comunicación á poboación desta información.

Os concellos deben fomentar urxentemente o establecemento de actuacións para mellorar a calidade da auga das zonas de baño con clasificación sanitaria insuficiente. Se se establecen estas medidas, a clasificación sanitaria podería cambiar na seguinte tempada na que se demostre que estes cambios melloraron a calidade da auga de baño.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1