A RFG, baixo a buatuta da directora coreana Eun Sun Kim, en Vigo

Eun Sun Kim.

Continúa a Tempada de Música Clásica de Afundación, a Obra Social de ABANCA, organizada en colaboración coa Sociedade Filarmónica de Vigo, no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13). O seguinte concerto será mañá venres 26 de abril, ás 20.00 h, a cargo da Real Filharmonía de Galicia baixo a batuta da directora coreana Eun Sun Kim, con repertorio de Fanny Mendelssohn Hensel, Franz Joseph Haydn e Marianne Martínez.

As entradas están á venda na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen o abono para a tempada que supón un aforro do 20 % con respecto aos billetes individuais. Ademais, Afundación conta cunha política de bonificacións e descontos para persoas desempregadas, xubiladas e mozas que comporta unha rebaixa adicional dun 10 % no prezo das entradas.

A REAL FILHARMONÍA DE GALICIA

A Real Filharmonía de Galicia iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, onde presenta a súa tempada estable de concertos. Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á RFG desde o seu inicio, e de Christoph König, principal director invitado, tamén dirixen a orquestra outros directores como Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjorg Schellenberger, entre outros. Do mesmo xeito xunto á RFG actuaron os mellores intérpretes, por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.

Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas, así como no resto de España, é de capital importancia, do mesmo xeito que as xiras internacionais que realizou (Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina e, especialmente, Portugal). Paralelamente, a vocación pedagóxica da RFG tradúcese en actividades dirixidas aos futuros profesionais da música, a través da Escola de Altos Estudos Musicais, que imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, cos músicos da RFG como profesores. Tamén organiza concertos didácticos para nenos co Auditorio de Galicia, o que posibilita que cada ano ao redor de sete mil escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica. A RFG está xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago e forma parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS).

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada