Gamallo explicou os avances do goberno autonómico en materia forestal e na loita contra o cambio climático durante o encontro da Comisión de Recursos Naturais da asemblea europea celebrado en Hungría

A comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR) celebrou hoxe na localidade húngara de Szombathely un encontro clave no que se debateu a liña a seguir polos Estados membros respecto á aplicación da actual estratexia forestal da UE, e con vistas a unha nova estratexia a partir do ano 2021, esbozada no último ditame aprobado durante o 134º pleno da Cámara o pasado 10 de abril. O debate contou coa participación do propio presidente da Comisión NAT, o finés Ossi Martikainen, como moderador e as intervencións de varios representantes dos departamentos de Agricultura e Desenvolvemento Rural e de Medio Ambiente da Comisión Europea, xunto ao director xeral de Asuntos Forestais na Presidencia romanesa do Consello, Ilie Mihalache, entre outros relatores.

A sala de conferencias do Centro de Enxeñería Forestal de Szombathely foi o lugar elixido para acoller estas sesións de debate da Comisión NAT. A primeira parte do encontro versou sobre a execución da estratexia forestal da UE revisada en decembro de 2018, na que destacan un amplo número de asuntos cruciais para as autoridades locais e rexionais representadas no Comité Europeo das Rexións. Entre estes aspectos sobresaen a xestión dos bosques, o desenvolvemento do rural, o asociacionismo forestal, a actividade empresarial, a enerxía, a conservación do medio ambiente ou a investigación e a innovación; demostrando que os terreos forestais teñen un impacto transversal en ámbitos moi diversos. A segunda parte da cita focalizouse nun tema político de primeira orde para a UE como é o cambio climático. En concreto, tratáronse os retos que se plantexan na actualidade e as posibles solucións coas que atallar de maneira efectiva este desafío europeo.

Neste sentido, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, volveu defender as posicións galegas en materia de xestión forestal que xa reivindicara nas emendas ao último dítame do CdR. Gamallo puxo o acento na necesidade de involucrar máis ás poboacións rurais na administración do medio rural e na xeración de rendas económicas, como dúas posibles medidas para frear os procesos de despoboamento que está a experimentar a nosa comunidade autónoma.

Así mesmo, o representante galego propugnou o fomento da xestión conxunta dos terreos de propiedade privada mediante asociacións forestais; xunto a aposta pola industria forestal como fórmula de xeración de novos empregos directos e indirectos e como panca de impulso da bioeconomía. Jesús Gamallo tamén destacou a importancia da promoción dunha maior cooperación interadministrativa entre entes locais e rexionais, a defensa das prácticas silvícolas como ferramentas de prevención e detección temperá de danos medioambientais, unidas á mitigación progresiva dos gases contaminantes.

Estas últimas propostas entroncan con varias iniciativas en curso do Executivo galego: a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía, estratexia que busca reducir en máis do 80% as emisións de gases de efecto invernadoiro para o ano 2050, e a revisión do Plan Forestal de Galicia, un documento de planificación estratéxica para o monte galego no período 2020-2040.

NA COMISIÓN NAT

Neste mandato, Galicia participa tanto na Comisión de Recursos Naturais (NAT) coma na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións. A Comisión NAT do CdR ocúpase de temas como a Política Agrícola Común (PAC), o desenvolvemento rural, a silvicultura, a produción alimenticia, a política pesqueira común ou a política de asuntos marítimos, entre outras atribucións.

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada