Xosé Prada, premio PLATTA de teatro breve en galego: “Eu non vou deixar de escribir teatro!”

Xosé Prada exhibe opremio PLATTA, Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador de teatro breve en galego, flanqueado pola presidenta de FEGATEA, Chelo Pampillón (d) e Vanesa Sotelo, directora da Revista Galega de Teatro, no auditorio Municipal do Carballiño..

“Eu non vou deixar de escribir!” Así remata a entrevista que o flamante I premio PLATTA (Plataforma de Transfronteiriza de Teatro Amador) concedeu a Grupo ES. esta fin de semana tras recoller o galardón. Xosé Prada Martínez (O Carballiño, Ourense, 1943) é un veterano do teatro amador que acaba de ser recompensado pola escrita da súa obra ‘Morreu a tía María’.

Foi fundador e impulsor do grupo de teatro Tiruleque hai 34 anos. Empezou na escrita teatral en 2003 “por necesidades do grupo”, di. “Sempre escribo pensando nos compañeiros que teño para adaptar a obra, cando menos, ao número de actores e actrices”.

“Encántame escribir teatro e pásoo moi ben. Con ‘Morreu a tía María’, a verdade, e que me divertín moitísimo”.

A obra comeza cun velorio. “Para a parte final, inspireime nunha película arxentina. Que estiven tratando de lembrarme do título pero como pasaron tantos anos… Pero a miña idea é moi semellante…uns parentes que chegan a casa…e o equivoco da morte da tía ou da avoa, non recordo ben. Mantiven o desenvolvemento da obra neste sentido e tratei de darlle un aire moi noso”, explica Prada.

Cando se convocou o premio PLATTA en Castela-León, Xosé Prada pensou envíalo a concurso alí. Fixo unha tradución da obra ao castelán e reduciuna as 10 páxinas que se indicaban. “Deille moitas voltas…Este é un tema galego que en castelán, non é que non o vaian entender…Si o entenderán, pero vaille faltar ese toque no caso das carpideiras ou choronas dese ambiente de velorio onde se fala, coméntase, quítaselle a pel a algún, bébese, xógase as cartas…, mentres o defunto está na Caixa. E logo veñen as herdeiras da tía e falan de como queren repartir a herdanza… Aí cos intereses está o conflito da obra. Entón, decidín non enviala a concurso en Castela-León”.

“Esperei un chisco máis a que se convocase o premio en Galicia e mantiven a obra practicamente como a tiña concibida en principio e engadín algunha cousiña nova e mandeina. Saín ben a verdade!”. Porque foi premiada coa primeira edición do premio PLATTA de teatro breve en galego.

Outra experiencia deste días do Festival Transfronteirizo de Teatro Amador e das décimo cuartas xornadas de Teatro Fegatea foi a representación da obra de Xosé Prada a través de lecturas en tres idiomas (galego, castelán e Portugués). E para facelo aínda máis difícil os actores e actrices de lingua portuguesa  lérona en castelán, os galegos en portugués e os casteláns en galego.

Loxicamente Xosé Prada, o autor da obra premiada co PLATTA, asegura que ‘Morreu a tía María’ “pode perder algo en castelán. Non en portugués. Porque a idiosincrasia nosa semella que en castelán se dilúe un pouco. Non obstante, nas presentacións que da obra se fixeron, en certo modo sorprendéronme moitísimo. Primeiro porque a obra ten 8 personaxes e todos os grupos a resolveron con catro. E fixérono moi ben! Foi moi divertido ver como os directores inventaban a forma para poder facer todo isto e uns resolvérono dun modo e outros doutro”.

Todo isto vaille servir ao autor do texto premiado para a representación de ‘Morreu a tía María’ co grupo de teatro do Centro Socio-Cultural de pensionistas do Carballiño que dirixe. “Moitas das cousas que vin vounas apañar para lles dicir ás miñas actrices. Algunhas estaban xa presentes nas tres lecturas”.

Para Parda é un exemplo de “como facer distintas situacións co mesmo texto”. E engade, “eu vin cousas que eu resolverei doutra forma pero parecéronme moi orixinais”.

O que non acompañou este Festival e Xornadas foi a asistencia do público ao auditorio municipal. “Foi algo estraño”, continúa Prada. E explica como a asistencia non se pode predicir. A xente acode e enche o auditorio cando son grupos de teatro profesional que traen xente coñecida a través da televisión. Outras veces nin iso axuda a encher. Cando se trata do seu grupo ou doutros locais, entón, a rebodar porque “xogamos na casa”, di Xosé.

De todas formas, Prada ten claro que non se pode fallar no marketing, na publicidade, e cando eles actúan ‘empapelan’ o Carballiño.

O premio PLATTA está a ler clásicos gregos e romanos. Gusta do ensaio e ten entre mans agora unha obra de Mihura. “Leo de todo o que me cae nas mans”, confesa.

Entre as reformas máis necesarias no mundo do teatro, Prada apunta cambiar certas cousas da SGAE, a Sociedad General de Autores, como é cobrar por representar obras que foron arranxadas e que xa non son o mesmo que a orixinal. Cre firmemente que o teatro endexamais debe ser gratuíto e que hai que cobrar polo  menos unha cantidade simbólica. En segundo lugar, propón que “as Administracións deberían se ocupar un chisquiño máis dos grupos afeccionados”. E conta algunhas batallas en festivais organizados polos concellos nos que ao final non chegan os cartos para montar unha obra, ou algunha xogada pouco limpa coa facturación.

Pasando a outro tema, o do Festival e as Xornadas deste ano, Xosé Prada di estar “totalmente sorprendido”. El non puido asistir ás dos anos anteriores por incompatibilidade co seu traballo de procurador de tribunais. Subliña que “o máis importante para min foi a convivencia…atopeime con xente encantadora…que estaban felices de poder estar aquí, no Carballiño, para representar as súas obras e, á vez, traballar no meu texto. Para min tamén foi moi enriquecedor”. Di isto mentres non pode ocultar a emoción por ese traballo doutros compañeiros na súa obra.

Prada síntese arropado polos colegas do teatro amador, enriquecido por este días de reunión e recompensado por un premio merecido ao seu labor de escrita teatral. Por iso, exclama: “Eu non vou deixar de escribir teatro!”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1