A Lei de Museos de Galicia vai fomentar o emprego das TIC’s na realidade museística

Museo das peregrinacións en Santiago.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe da aprobación por parte do Consello da Xunta do inicio da tramitación do Anteproxecto da que será a primeira Lei de museos e outros centros museísticos de Galicia. Trátase dunha “norma novidosa no ámbito autonómico e pioneira en ámbitos como o emprego das TIC’s, o respecto pola pluralidade, o acceso á cultura ou a integración da perspectiva de xénero”, segundo explicou Feijóo.

Entre os aspectos máis relevantes desta nova normativa, destacan unha mellor definición da realidade museística, coa creación dunha nova categoría específica que son os centros de interpretación do patrimonio cultural; unha mellor xestión, co impulso do Consello de centros museísticos de Galicia e a creación do Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia, que substituirá e perfeccionará o actual Censo de museos de Galicia; o fomento da actividade científica e investigadora e unha maior coordinación e complementariedade entre os museos facilitando a creación de redes de centros museísticos, que pretenden mellorar a cooperación e aproveitamento dos medios dos que dispoñen os distintos centros.

Neste senso, Feijóo remarcou que formar parte deste sistema leva asociados beneficios como “a participación en liñas concretas de axudas, a prioridade no acceso a determinadas accións colaborativas, a recepción de depósitos ou a participación en accións de promoción cultural e turística.”

O presidente da Xunta destacou a cuádrupla dimensión dos museos. Así, incidiu na súa dimensión social, como vertebradores da sociedade; na súa dimensión científica, que contribúe a unha mellor comprensión das coleccións; a súa dimensión pedagóxica, como axentes de transmisión e difusión do coñecemento, e a súa dimensión económica, porque os museos supoñen un atractivo turístico cun potencial e capacidade que hai que poñer en valor.

Feijóo concluíu que se busca dotar aos museos de “maior flexibilidade, maior coordinación, maior rigor, maior seguridade xurídica, mellor xestión e fomentar a maior investigación posible”. Este texto completa un bloque de leis de ámbito cultural xunto coa Lei de bibliotecas aprobada en 2012 e a Lei de arquivos e documentos de 2014.

Na véspera do Día das Letras Galegas e do Día dos Museos, o Consello da Xunta celebrouse na sede do Museo do Pobo Galego, “un dos museos con maior significación de Galicia, dirixido desde a súa fundación por Antonio Fraguas, o autor ao que homenaxeamos este 17 de maio”, explicou o presidente da Xunta.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada