Galicia Escena Pro 2019 reforza as posibilidades de intercambio teatral con Madrid, Cantabria e País Vasco

A sétima edición de Galicia Escena PRO inclúe no seu programa tres espectáculos procedentes de Madrid, Cantabria e País Vasco dentro das vías de colaboración abertas tanto con MADferia como co proxecto Camiño Escena Norte. Trátase das propostas de Rotura Producciones, Café de las Artes Teatro e Hortzmuga Teatroa, que compartirán cartel cos 17 espectáculos galegos e os 10 proxectos en formato pitching seleccionados para esta nova entrega do evento que promove a Consellería de Cultura e Turismo, baixo a organización compartida entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación profesional Escena Galega.

Refórzase, deste xeito, o programa de intercambio con outras comunidades autónomas que Galicia Escena PRO puxo en marcha en 2016 e que, ademais de presentar en Galicia unha mostra da produción escénica doutros puntos de España, facilita a incorporación de compañías galegas nos carteis dos eventos colaboradores.

É o caso de MADferia, coa que o mercado galego repite intercambio por segundo ano consecutivo. Desta volta, poderá verse en Santiago o espectáculo Réquiem, de Rotura Producciones. A actriz Esther Bellver é a alma mater desta compañía, así como a directora e intérprete da montaxe coa que se presentará en Galicia e que xurdiu como unha sentida homenaxe ao seu pai, recentemente falecido.

Teatro familiar e de rúa

Este ano, ademais, Galicia Escena PRO inicia a súa colaboración con Camiño Escena Norte, proxecto promovido polas asociacións profesionais Escena Galega, EscenaAsturias, Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas (Acepae) e Eskena do País Vasco para o desenvolvemento de itinerarios culturais compartidos entre as catro comunidades do norte peninsular. Neste marco, Galicia recibirá a compañía cántabra Café de las Artes Teatro, coa montaxe para público familiar El inolvidable viaje de Nana, e a vasca Hortzmuga Teatroa con Femmes, espectáculo de rúa construído como un canto reivindicativo de tres octoxenarias.

A sétima edición de Galicia Escena PRO mantén como prioridade estimular a dinámica comercial do sector, ofrecéndolles ás empresas galegas de produción e distribución escénica un espazo para o encontro con programadores e demais axentes culturais acreditados. Ao tempo, incídese na posta en valor e na proxección social da creación galega coa apertura ao público non profesional da exhibición dos espectáculos seleccionados, que este ano poderán verse en diferentes escenarios e rúas da cidade.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada