Os establecementos hoteleiros galegos ingresaron 61,7 millóns no primeiro cuadrimestre

O conselleiro de Cultura e Turismo asinou hoxe un acordo coa secretaria de Estado de Turismo para homoxeneizar os criterios de excelencia e calidade do sector.

A Xunta de Galicia deu hoxe un paso máis na súa aposta por un turismo de calidade coa sinatura dun convenio de colaboración co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo en materia de innovación, accesibilidade e sustentabilidade do sector turístico. Neste contexto, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, fixo balance da boa marcha do turismo galego no primeiro cuadrimestre do ano, un período no que os establecementos hoteleiros da Comunidade ingresaron 61,7 millóns de euros, un 8% máis que en 2018.

O responsable autonómico subliñou que a demanda turística creceu un 5%, situando a Galicia como a segunda autonomía cun maior incremento. Neste sentido, Román Rodríguez fixo fincapé en que o turismo da Comunidade medra “non só en cantidade, senón tamén en calidade”, xa que tamén se rexistrou un aumento de preto do 2% na estadía media e a rendibilidade dos nosos visitantes foi a máis alta da última década.

O acordo, asinado polo conselleiro de Cultura e Turismo e a secretaria de Estado de Turismo, Isabel María Oliver, permitirá homoxeneizar os criterios de excelencia e favorecerá a colaboración entre as dúas administracións. Precisamente, Román Rodríguez recordou que a aposta pola calidade do sector turístico galego é desde fai anos un dos “eixos estratéxicos” da Xunta nesta materia.

EN MARCHA

Román Rodríguez destacou algúns dos proxectos impulsados polo Goberno galego para mellorar a profesionalidade e a competitividade do sector como a estratexia Galicia Sabe, para potenciar Galicia como destino enogastronómico de referencia, o Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos ou o permanente apoio ao sector para certificar, mellorar e revisar a calidade dos establecementos e servizos turísticos de xeito constante.

Román Rodríguez celebrou que o esforzo da Xunta neste eido “xa está dando os seus froitos”. Así, o conselleiro de Cultura e Turismo lembrou que o número de empresas co recoñecemento SICTED de Calidade Turística se duplicou na última década ao pasar de 286 en 2008 ás 598 acadadas o ano pasado. Subliñou, ademais, que Galicia logrou o ano pasado o maior número de certificacións da marca Q de calidade da súa historia, ao acadar un total de 282, situándose como a segunda Comunidade con máis recoñecementos.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada