Marta Valcárcel, primeira alcaldesa de Salvaterra de Miño: “Comprométome a traballar incansablemente con honestidade e humildade”

Salvaterra xa ten constituída, dende a mañá deste sábado, a nova corporación municipal. Marta Valcárcel Gómez é a primeira muller en presidir o consistorio salvaterrense.

Tras prometer o cargo, Valcárcel deu voz aos outros grupos que conforman a corporación, PSOE e BNG. Despois fixo un discurso, tras dar a benvida aos novos edís, no que concretou a súa actitude para esta lexislatura: “Tendo a miña man para traballar dende a humildade, con diálogo e respecto polo ben e futuro do noso Concello”.

A nova alcaldesa citou un a un os nomes dos concelleiros que formaron parte da antiga corporación para “darlle as grazas a cada un deles”.

Boa parte do discurso –unha mención moi especial- foi para o alcalde saínte, Arturo Grandal.  “Gustaría despedirme –dixo- dun gran home co cal tiven a gran sorte de traballar e aprender”. Agradeceulle que “estivo comigo nos malos momentos e que me apoiou sempre”. Valcárcel subliñou que “sempre dicía que as maiorías absolutas eran moi difíciles de conseguir. E abofé que son difíciles. Pero el conseguiuno durante 10 lexislaturas consecutivas, 40 anos como alcalde”. Ademais a nova alcaldesa subliñou que Grandal “sempre nos ensinou que en primeiro lugar estaba Salvaterra; en segundo, Salvaterra; en terceiro, Salvaterra. E, detrás, xa se verá”.

Como muller fixo fincapé en que “é un auténtico orgullo, un honor, ser a primeira muller, a primeira alcaldesa de Salvaterra de Miño”.

Sobre o novo equipo de concelleiros, sinalou que “chega con ganas de traballar. Imos dar o mellor de nós mesmos”. Iso si, “cos pés na terra conscientes do traballo que nos queda por diante e recoñecendo o feito ata o de agora”.

E fixo esta confidencia: “Hoxe, diante de todos vós, comprométome a traballar incansablemente con honestidade e humildade para seguir mellorando a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

Marta Valcárcel rematou agradecendo o apoio da familia, do seu equipo e de cantos a apoiaron. “Estas eleccións gañáronas Salvaterra e os salvaterrenses”.

O salón de plenos estaba ateigado de veciños e veciñas que aplaudiron con ganas durante a cerimonia. Ademais do ex alcalde Arturo Grandal, asistiu o alcalde de Monção, António Barbosa, así como o delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López Chaves.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
2