Galicia Calidade certifica as cañas fritas da confitería Cerviño

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixeron entrega no Carballiño do distintivo de calidade.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixeron entrega esta mañá do distintivo de garantía á Confitería Cerviño, unha empresa familiar que basea a elaboración dos seus produtos de repostería na tradición e no traballo artesán. 

Con este recoñecemento, a Confitería Cerviño contará co selo de garantía para as súas cañas fritas comercializadas coa marca Cerviño, recheas de crema ou nata. As cañas do Carballiño, recoñecidas a nivel internacional, elabóranse dende hai máis de 50 anos neste establecemento familiar, que durante catro xeracións liga o seu apelido á calidade e á tradición artesán e resposteira.

Aínda que a maior parte dos produtos da Confitería Cerviño se dirixen ao consumo particular e doméstico, a calidade superior das súas elaboracións e a forte demanda de produtos artesáns e tradicionais fixo que parte da súa produción se dirixa ao sector da hostalería e restauración.

A directora xeral de Comercio agradeceu a aposta da Confitería Cerviño por promocionar un produto tan ligado á tradición reposteira de Galicia e do Carballiño. Con este recoñecemento, as cañas Cerviño poderán chegar a novos mercados, coa garantía que lles ofrece o selo de Galicia Calidade e distinguirse pola súa orixe e calidade superior.

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, sinalou, pola súa banda, a relevancia do sector alimentario dentro do selo e mostrou a súa satisfacción pola incorporación dun produto tan representativo da repostería galega como as cañas fritas do Carballiño. Deste xeito, destacou que “sumamos un novo produto tan coñecido e representativo de Galicia e do Carballiño a unha lista moi completa na que integramos produtos galegos de calidade coma ovos, viño, polo, auga ou a pescada, entre outros”.

Con esta incorporación, o selo de certificación Galicia Calidade suma máis de 400 produtos e servizos de máis de 110 empresas galegas.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada