A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas dos programas integrados de emprego para impulsar o acceso a un traballo

Os concellos e entidades sen ánimo de lucro de Galicia poden xa solicitar e ata o próximo 22 de xullo as axudas para a posta en marcha dos Programas Integrados de Emprego (PIE), unha iniciativa da Xunta na que se prevén que nesta edición participen 4000 persoas desempregadas co obxectivo de que poidan incrementar as súas oportunidades laborais a través de actuacións encamiñadas á especialización e ao desenvolvemento de medidas que combinen orientación e asesoramento con formación e prácticas.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria desta iniciativa cun orzamento de 10 millóns de euros entre 2019 e 2020. Os beneficiarios destas axudas recibirán 2500 euros por cada persoa participante no programa.

Ao igual que o pasado ano, nesta edición teñen prioridade os Concellos Emprendedores, é dicir, aqueles que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais.

Así mesmo, e ao igual que nas últimas edicións, resérvase orzamento para o desenvolvemento de plans específicos para as mulleres. En concreto, destínanse dous millóns de euros a esta actuación, o que permite dar continuidade a unha das medidas do plan Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo.

Nesta convocatoria tamén se continuará primando a aqueles proxectos nos que se implique o tecido empresarial de cada zona –co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca– e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal. Ademais, introdúcese o colectivo de persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia e a formación está dirixida á obtención, polo menos, dun certificado de profesionalidade.

Os programas integrados de emprego, que teñen un ano de duración, están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 35% dos seus participantes, aínda que a inserción media que se está alcanzando nestes programas sitúase en torno ao 50%. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.

Desde 2009 e ata a edición anterior, o orzamento destinado pola Xunta de Galicia aos programas integrados de emprego ascende a 55,6 millóns de euros, dos que se beneficiaron 34.000 persoas desempregadas.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada